San Adrián de Corme
Parroquia de 8,1km2 repartidos en sete entidades de poboación: Aldea, Costa, Escobia, Froxán, Gondomil, Guxín e Roncudo. Ten, según o padrón municipal de 2007, 389 habitantes repartidos da siguinte maneira: Aldea (195), A Costa (47), Escobia (32), Froxán (20), Gondomil (14), Guxín (74) e O Roncudo (7).
San Adrián de Corme foi un curato de presentación real, xunto coa feligresía de Corme-Porto, a máis importante de todo o concello. Préto desta parroquia, en Gondomil, atópase a Pedra da Serpe, de discutida cronoloxía, e relacionada con cultos ancestrais prerromanos. A igrexa parroquial data de finais do século XVIII, e veu a substituir á primitiva igrexa de San Hadrián nas ruínas da cal atopáronse antigas sepulturas. A planta da igrexa é de cruz latina, xunto coa sancristía que foi pegada posteriormente. A decoración das portadas principal é posterior, rompe coa tradición barroca da zona, encadrándose a súa procedencia nun barroco avanzado. A modo de medallóns presenta na fachada posterior as inscripcións referentes a Xesús e a Virxe María. Na fachada principal hai unha esbelta espadana de dous ocos. Toda a edificación está realizada en fábrica de cachotaría, excepto nos esquiñais construidos con canteiría regular.
Pouco antes de chegar á vila de Corme hai unha estrada a man esquerda que se dirixe á praia da Ermida e á aldea de Gondomil, onde se atopa a coñecida Pedra da Serpe.
Nun cruzamento de camiños, sobre unha pedra, aparece o relevo dunha serpe con ás, da que non se sabe con exactitude a época na que se fixo. Uns historiadores defenden que é prehistórica, mentres que outros din que pode ser da época romana ou posterior, aínda que o motivo que representa sexa anterior ao cristianismo; o que nos demostra que a pervivencia dos cultos paganos en Galicia prolongáronse ata moi tarde.
Esta pedra nos evidencia a existencia nesta zona dun culto precristiano ás serpes, relacionado, segundo algúns historiadores, coa chegada dos celtas, que tiñan como símbolo heráldico a serpe.
O historiador romano R. Festo Avieno (século IV d. de J.), conta que os oestrimnios (antigos habitantes de Galicia), foron expulsados por unha invasión de serpes (en alusión aos celtas), pasándose a chamar esta parte da península, Ophiusa.
A cristianización desta zona atribúeselle a San Hadrián, que, segundo conta a lenda, había unha invasión de serpes, de maneira que a xente non podía habitala. San Hadrián, que se atopaba predicando por alí, golpeou fortemente co pé no chan, desaparecendo aquela terrible praga. Todas as serpes foron a cobixarse debaixo daquela pedra, quedando unha delas petrificada en sinal deste feito.
Como símbolo da cristianización deste lugar púxoselle unha cruz enriba.
Nesta mesma desviación que conduce á Pedra da Serpe está a praia da Ermida e a pequena illa da Estrela, onde houbo un castro e máis tarde se levantou unha capela dedicada á Virxe da Estrela, que deu nome á illa e á praia.