Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Concello de Ponteceso e Cámara de Comercio establecen unha liña de colaboración para a dinamización do parque empresarial

O xefe de servizos técnicos da entidade cameral visitou o polígono de Tella acompañado polo alcalde, o axente de desenvolvemento local e a secretaria da Asociación de Empresarios

O Concello de Ponteceso e a Cámara de Comercio da Coruña acordaron hoxe a apertura dunha liña de colaboración permanente que contribúa á dinamización do polígono de Tella. O xefe de servizos técnicos da Cámara, Carlos Fernández, mantivo pola mañá unha reunión co alcalde, Lois García Carballido; o axente de desenvolvemento local, José María Salvador, e a secretaria e administradora da Asociación de Empresarios do Parque Empresarial, Luz Imia, na que se sentaron as bases desa colaboración, e posteriormente realizaron unha visita ao complexo industrial.

Sobre o terreo tiveron a ocasión de pulsar a opinión do empresariado local. O responsable de Desguaces Mancebo, nun encontro casual, destacou o salto de calidade que supuxo a implantación da fibra óptica . ?Pasamos de 1 a 90 megabytes por segundo. O cambio foi total. Antes non eramos quen de tramitar asuntos como a baixa dun vehículo?, explicou. O alcalde destacou que esta empresa exporta pezas de vehículos a diversos países europeos, polo que dispoñer de internet con calidade e velocidade é fundamental para o seu traballo diario.

O Concello de Ponteceso aposta por seguir mellorando os servizos do parque empresarial, como está a facer coa reparación das arquetas de pluviais que está a executar unha empresa local. E nesa liña enmárcase tamén a colaboración coa Cámara de Comercio, que pode contribuír á dinamización da actividade económica no noso concello aproveitando a rede de empresas que integran a entidade ou coas que ten relación mesmo fóra da provincia. A ese respecto, Carlos Fernández avanzou a próxima presentación dun plan de promoción industrial, do que o noso concello quere formar parte; da futura posta en marcha dunha oficina de promoción industrial para a provincia, e da importancia de utilizar a potencialidade do porto exterior de Punta Langosteira como panca para a promoción de solo industrial da bisbarra. Nese sentido, desde o Concello informouse sobre a dispoñibilidade de parcelas en Tella, a situación das ampliacións do parque ao longo da estrada autonómica e a presenza no vixente plan.

A colaboración entre o Concello de Ponteceso e a Cámara de Comercio poderá estenderse a varias áreas. Para o goberno municipal resulta fundamental a atracción de novos investimentos empresariais que contribúan á creación de riqueza e emprego. Nese sentido, a Cámara ofrece aos emprendedores/as servizos de asesoramento e acompañamento na posta en marcha do plan de negocio, ademais de formación. Ao longo do mes de abril concretarase nun plan de formación e mentorización esa colaboración entre ámbalas institucións.

En materia de emprego, o Concello de Ponteceso estudará a súa posible integración no Plan PICE, destinado a formar, cualificar e insertar a mozos e mozas de 16 a 29 anos inscritos/as no ficheiro de Garantía Xuvenil nas empresas do ámbito de influencia da Cámara de Comercio.

Carlos Fernández ofreceu, así mesmo, o apoio da entidade cameral en campañas ou eventos enfocados á promoción do parque empresarial de Tella e a difundir o noso polígono en diversos foros así como entre os seus asociados.

Concello de Ponteceso