Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Plásticos e redes foron os principais residuos retirados polo voluntariado na limpeza do Esteiro do Anllóns

O Concello de Ponteceso colaborou co material para a recollida do lixo, o transporte e o seguro para as persoas que responderon á convocatoria

O tempo acompañou ao medio centenar de voluntarios/as que participaron na limpeza do Esteiro do Anllóns promovida polo colectivo As Píllaras das Dunas, coa colaboración da Asociación Mar de Fábula e o Concello de Ponteceso, o que fixo posible que a iniciativa, ademais de cumprir os obxectivos medioambiental e tamén reivindicativo cos que foi deseñada, permitise desfrutar do espectacular espazo natural na que se levou a cabo.

A participación foi limitada debido a que o Esteiro do Anllóns é unha paraxe especialmente sensible, entre outros aspectos, pola súa riqueza de fauna e flora. O alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, sumouse ao equipo de voluntariado acompañado polo seu fillo maior, igual que fixo a concelleira de Servizos Sociais, Isabel Vuelta, e entre os tres contribuíron, xunto co resto dos/as participantes, á retirada de decenas de sacos de residuos, fundamentalmente restos de redes e plásticos.

O Concello de Ponteceso colaborou na limpeza achegando todo o material preciso, desde os sacos ata os camións para transportar o lixo, e ademais fíxose cargo do seguro para os/as voluntarios/as. O alcalde, que quixo vivir a experiencia en primeira persoa, realizou unha valoración moi positiva do traballo que están a desenvolver colectivos como As Píllaras das Dunas ou Mar de Fábula para a sensibilización cidadá con respecto á necesidade de protexer espazos tan sensibles como o Esteiro do Anllóns.

Nesta mesma liña, ao longo do 2018, o Concello de Ponteceso pretende continuar desenvolvendo novas actuacións de carácter global encamiñadas á conservación, reposición e restauración de espazos naturais e do reequilibrio territorial que favorezan o medio ambiente e que, directa e indirectamente, poidan tamén fomentar o emprego local.

Concello de Ponteceso