Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

As grandes estrelas do fútbol praia mundial xogarán en Corme

Unha gran xestión realizada por Amarelle Sport Group, a Asociación Deportiva Vidú e o Concello de Ponteceso, en colaboración coa Federación Galega de Fútbol, fixo posible que os próximos 18 e 19 de maio Corme se convirta na capital do fútbol praia mundial

Durante dous días, a praia cormelá do Osmo converterase nunha auténtica festa do fútbol praia na que a afección da Costa da Morte poderá gozar de xogadores de talla mundial.

O sábado 18 e o domingo 19 de maio, o Sporting de Portugal, no que militan auténticos cracks e xogadores top desta modalidade coma os lusos Madjer, Belchior, Coimbra e Jordan, entre outros, enfrontarase ao Falfala israelí que adestra o pontecesán Ramiro Amarelle, un dos mellores xogadores da historia da modalidade, e no que militan auténticas estrelas do fútbol praia coma o suízo Noel Ott, o xaponésE Ozu Moreira, o español Llorenç Gómez ou o brasileiro Bruno Xavier

A vila cormelá será testemuña dun evento único na zona ata o momento e daralle aos afeccionados da Costa da Morte a oportunidade de gozar dos mellores xogadores do fútbol praia moi de preto.

Amarelle Sport Group, a Real Federación Galega de Fútbol, o Concello de Ponteceso e a Asociación Deportiva Vidú teñen preparadas dúas tardes cheas de puro espectáculo, de auténtica calidade e de sorpresas, nas que dende os máis mozos ata os máis maiores poderán vivir unha experiencia única e irrepetible.

Dende a organización do evento conviamos a toda a xente da Costa da Morte e arredores a ser parte desta gran festa do fútbol praia para converter o areal do Osmo nunha auténtica bombonera na que estes xogadores de talla mundial sintan na súa propia pel o gran ambiente futbolístico que vivimos semana tras semana nos nosos campos de fútbol.

Ademais, este evento único servirá para a promoción e o fomento do deporte na Costa da Morte. E dende a organización agardamos que as conversacións que se están mantendo con diferentes entes frutifiquen e que este evento sexa o preludio de máis actividades estivais de fútbol praia para a comarca e para toda a Costa da Morte.

Concello de Ponteceso