Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Prepárate para a ponte das Letras máis espectacular!

Festiletras, tirolina xigante, Mercado Pondaliano, Aberto de Billa e Torneo Praia do Osmo converten o noso concello no máis dinámico de Galicia

En ningún outro lugar de Galicia se celebra con tanto entusiasmo a festa das Letras Galegas coma no noso concello. Empezando polas Festiletras, que comezaron a burbullar fai 36 anos e hoxe teñen convertido a Aldea do Couto no gran fervedoiro cultural de Galicia.

A festa que celebramos arredor do Día das Letras Galegas continúa medrando e innovando con propostas coma Festicencia, a primeira feira científica nun ámbito rural. Personalidades do mundo da ciencia, pero tamén da música, do teatro e, por suposto, das letras, pasarán durante cinco días pola Fundación Eduardo Pondal e a Casa dos Veciños do Couto, centros neurálxicos da celebración, que arranca hoxe coa entrega dos premios Bos e Xenerosos á escritora Marilar Aleixandre, o humorista gráfico Xaquín Marín, o actor e director Quico Cadaval e a cantante María Xosé Silvar ?Sés?. E a partir de mañá desenvolveranse diferentes xornadas: o Día da Internet, Aldeas Literarias, Festiciencia e Música e a Artesanía serán os grandes bloques temáticos.

Pero ademais das Festiletras, o concello de Ponteceso vai ser referencia durante a ponte das Letras por moitas outras propostas para todos os gustos e para toda a familia que mesturan deporte, ocio, comercio e hostalaría.

En colaboración co Concello, a Asociación de Empresarios celebra do 17 ao 20 o Mercado Pondaliano, que arrancará mañá ás 11.30 horas da man da regueifeira Lupe Blanco e que durante catro días ofrecerá un mercado artesán na Praza do Recheo, unha ruta de pinchos, descontos nos establecementos participantes e actividades para grandes e pequenos.

Sen dúbida a actividade estrela será a tirolina xigante que estará instalada xunto ao río Anllóns desde o 16 ata o 27 de maio. Unha tirolina de 130 metros de lonxitude que sen dúbida se converterá nun dos grandes reclamos da ponte das Letras.

Se falamos de actividades con atractivo non podemos esquecer o I Torneo Internacional Praia de Osmo, un evento único que terá lugar os días 18 e 19 e que reunirá aos 8 mellores xogadores do fútbol praia mundial ao areal do Osmo (Corme). Esta iniciativa de Amarelle Sport Group, a Asociación Deportiva Vidú e o Concello de Ponteceso, coa colaboración coa Real Federación Galega de Fútbol, traerá ata Corme a Bruno Xavier (Brasil), Ozu Moreira (Xapón), Noel Ott (Suíza), Llorenç Gómez (España), Madjer (Portugal) ou Belchior (Portugal) e outros cracks do fútbol praia mundial.

Pero ademais destes homes de prestixio, todos aqueles que vos acerquedes ata a Praia do Osmo teredes a oportunidade de ver xogar xuntos aos dous mellores xogadores da historia como son o pontecesán Ramiro Amarelle e o brasileiro Benjamín Pereira ante un combinado da AD Vidú. Aínda que isto non é todo, xa que as mellores xogadoras galegas de fútbol praia, algunhas delas internacionais con España, tamén xogarán no areal cormelán na tarde do venres.

E para pechar unha ponte redonda, o domingo 20 teremos no Museo Melga de Ponteceso o VI Aberto de Billa.

Pero se aínda así quedades con ganas de máis, agardámosvos os días 26 e 27 nas festas de Tella coa actuacións das orquestras El Combo Dominicano e Compostela.

Sen dubida, maio é un dos meses grandes de Ponteceso! Desfrutádeo!

Concello de Ponteceso