Teatro, arte, informática didáctica, música e cociña despiden o curso con exhibicións, actuacións en directo, unha exposición e o IV concurso gastronómico Pontechef
Chega o mes de xuño e con el o remate das actividades culturais organizadas polo Concello de Ponteceso para os nenos e nenas en idade escolar. As escolas municipais de arte, teatro, música, cociña e informática botarán o peche a próxima semana para despedirse ata o seguinte curso académico. E na Concellería de Cultura xa está todo preparado para acoller os diferentes os actos de clausura nos que participarán preto de 150 nenos e nenas e nos que non faltarán as exhibicións e actuacións en directo, unha exposición e ata un concurso gastronómico.
Os/as primeiros/as en despedirse serán os alumnos e alumnas da
escola municipal de teatro, que ofrecerán o
martes 29 unha representación teatral no Edificio das Escolas a partir das 15:30 horas. A peza seleccionada para a actuación fin de curso será unha versión de Pedro Brandariz do conto infantil O Cataventos, de Mª Victoria Moreno, autora homenaxeada este ano co Día das Letras Galegas.
O
mércores 30 tocaralle a quenda ao alumnado das
escolas de cociña de Ponteceso e Corme. A partir das 17:30 horas os fogóns do CEIP Eduardo Pondal brillarán máis que nunca para acoller a IV edición de
Pontechef, un concurso gastronómico no que os nenos e nenas dos dous obradoiros demostrarán a súa creatividade e dotes culinarias para confeccionar propostas tan divertidas e sorprendentes como saborosas, ás que xa nos teñen acostumados/as.
Pola súa banda, a
escola de informática didáctica, clausurará o
xoves 31 a súa actividade con divertidos exercicios de ordenador e un montón de xogos aprendidos durante o ano. Será no Centro Cultural en horario de clase, de 16:45 a 17:30 horas.
Finalmente, o
venres 1 os/as integrantes da
escola municipal de música clausurarán o curso cun concerto no colexio As Forcadas de Corme que dará comezo ás 12.30 horas e no que participará toda a comunidade educativa. E xa pola tarde, a cita será ás 19h na Biblioteca Municipal de Ponteceso para despedir o
obradoiro de arte cunha exposición na que se recollerán as obras realizadas polos alumnos e alumnas ao longo do curso. A mostra permanecerá aberta ao público durante todo o mes de xuño para desfrute dos veciños e veciñas que se acheguen a visitala.
Dende a área de Cultura convídase a todas as persoas que o desexen a participar nos diferentes actos e descubrir as diferentes capacidades da nosa canteira de artistas.