Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

27 veciñas participan no obradoiro de patchwork organizado pola Concellería de Servizos Sociais dentro do programa Actívate

As sesións, impartidas pola empresa de economía social Máis Porvir, celébranse na biblioteca os martes e os xoves ao longo do mes de xuño

Xa está en marcha o segundo obradoiro do programa Actívate 2018, posto en marcha pola Concellería de Servizos Sociais de Ponteceso para incrementar a oferta de ocio e o tempo de lecer dos nosos veciños e veciñas e mellorar a súa calidade de vida e participación social.

Tras o éxito acadado no curso de arranxos florais, no que participaron 26 mulleres e que foi clausurado polo alcalde, Lois García Carballido, e a concelleira de Servizos Sociais, Isabel Vuelta, continúa a programación cun taller de artes manuais centrado na aprendizaxe da técnica patchwork. Nesta ocasión contamos coa participación de 27 mulleres das diferentes parroquias.

A xornada inaugural tivo lugar onte na biblioteca do Centro Cultural e contou coa asistencia da titular da área, que non quixo perder detalle do comezo dunha actividade que promete ser tan entretida e didáctica como divertida.

As clases, impartidas pola empresa de xestión social Máis Porvir, divídense en dous grupos para garantir un maior aproveitamento do curso e unha atención máis personalizada. Así, 13 alumnas participarán nas sesións dos martes e 14 nas dos xoves. O horario será nos dous casos de 17.00 a 19.00 durante todo o mes que dure a actividade.

Durante o obradoiro de patchwork, as alumnas aprenderán a confeccionar orixinais deseños, a partir da unión de anacos de telas, poñendo así a proba a súa creatividade e bo gusto á hora de crear novas prendas. Permanece atentos/as a súa evolución porque ideas non lles han faltar!

Concello de Ponteceso