Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A 63ª Marcha nocturna a pé organizada pola Área de Turismo percorrerá o xoves 19 a península de Corme

As inscricións poden realizarse chamando ao Concello de Ponteceso, á Oficina Municipal de Corme ou na Praza da Ribeira ata as 21:45 horas

Vai preparando xa a lanterna e o chaleco reflectante porque esta semana volven as Marchas nocturnas a pé, que organiza a Área de Turismo do Concello de Ponteceso dentro da programación do Verán Cultural. Se che gusta camiñar e gozar ao aire libre das relaxantes noites do verán, este xoves 19, ás 22:00 horas, tes unha cita coa última andaina do mes de xullo.

Tras a camiñada de Brantuas-Niñóns, agora tócalle a quenda á península de Corme. A 63ª marcha nocturna levaranos por algunhas das paraxes naturais máis fermosas da zona, tanto en Corme Aldea coma en Corme Porto. A Praza da Ribeira será o punto de partida e chegada dun percorrido de 6 quilómetros e de dificultade baixa, apto para toda a familia. Os menores de idade que desexen forma parte desta divertida e inesquecible experiencia deberán acudir acompañados dun adulto.

As Marchas Nocturnas a pé continuarán a súa andaina no mes de agosto cunha ruta
programada para o día 2 pola parroquia de Langueirón, con saída e chegada á igrexa, e outra para o xoves 9 por Xornes, desde o Campo da Escola. Ambas, de 6 kms e dificultade baixa, darán comezo tamén ás 22 horas.

As persoas interesadas en participar en calquera das rutas incluídas neste programa poden anotarse no Concello de Ponteceso chamando ao teléfono 981 714 000 ou na Oficina Municipal de Corme, a través do número 981 738 428. Os máis retardados/as terán unha última oportunidade de inscrición no mesmo lugar da saída ata 15 minutos antes de que dea comezo a ruta. A participación é libre e de balde.

A que agardas? Ven vivir a noite con nós!

Concello de Ponteceso