Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Concello de Ponteceso obtivo a puntuación máis alta na concesión de subvencións para actividades de conciliación

A Xunta cofinanciará o programa Respira, que se leva a cabo durante o verán e na Semana Santa en Ponteceso e Corme, cunha achega de 12.000 euros

Isabel Vuelta e Lois García CarballidoO Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a resolución da Secretaría Xeral de Igualdade pola que se resolven as subvencións ás entidades locais para actividades de promoción da igualdade a través, entre outros, de programas de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar. O Concello de Ponteceso obtivo a puntuación máis alta dos 18 concellos galegos beneficiados coas axudas, que no noso caso ascende a 12.000 euros, o que nos permitirá financiar o 79% do custe do programa Respira, no que están a participar nestes momentos 42 nenas e nenos entre Ponteceso e Corme.

Esta iniciativa da Concellaría de Servizos Sociais permite que, tanto durante as vacacións de verán coma nas de Semana Santa, as familias teñan á súa disposición un servizo que facilita a conciliación ás nais e pais e permite que os nenos e nenas gocen dunha ampla oferta lúdica e recreativa na que o xogo e a aprendizaxe están presentes a partes iguais.

Xoguetes variados, contos para a igualdade, aparatos de música, traballos de sensibilización medioambiental, globos, pinturas, pelotas, quebracabezas, xogos tradicionais e de mesa, deportes... nos campamentos de Ponteceso e Corme teñen cabida todo tipo de iniciativas.

Tanto a concelleira de Servizos Sociais, Isabel Vuelta, coma o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, expresaron o compromiso do goberno municipal coas actividades que, como é o caso do programa Respira, facilitan a conciliación, melloran a calidade de vida das familias e contribúen á educación en valores dos nosos nenos e nenas. Para o Concello de Ponteceso a mellora na prestación de servizos ás familias é unha prioridade, como pon de manifesto a forte aposta que estamos a realizar por programas coma o Respira.

Ligazóns recomendadas


Concello de Ponteceso