Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A Deputación licita por 568.450 euros as obras de reconstrución da ponte de Xabarido, que une Ponteceso e Cabana de Bergantiños

Tal como acordaran Valentín González Formoso e Lois García Carballido na última visita do presidente a Ponteceso, a institución provincial licita estes traballos destinados a mellorar a seguridade do tráfico rodado e dos peóns

A nova ponte, con plataforma de 10 metros e beirarrúas, eliminará un punto negro de tráfico e dará solución definitiva aos problemas de gretas existentes na estrutura

A Deputación da Coruña vén de publicar na Plataforma de Contratación do Estado o anuncio de licitación das obras de reconstrución e ampliación da ponte de Xabarido, na estrada provincial DP 1405, que conecta os concellos de Cabana de Bergantiños e Ponteceso sobre o río Anllóns. O orzamento dos traballos ascende a 568.450 euros e as empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 3 de setembro.

Tal como acordaran o presidente provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, durante a visita institucional realizada ao municipio o pasado 26 de xullo, a Deputación comeza antes de rematar o mes de agosto o proceso de contratación e execución dunhas obras "necesarias para eliminar un punto negro de tráfico", debido ao estreitamento da estrada que non permite a circulación de dous coches simultaneamente e que, ao mesmo tempo, "contribuirán a dar unha solución definitiva aos problemas de fisuras e gretas existentes estrutura".

Pola súa banda, o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, manifestou a súa satisfacción e agradeceu o compromiso da Deputación para "arranxar un problema de infraestruturas importante" e "facer realidade unha obra moi demandada polos veciños de Ponteceso e Cabana", que servirá para mellorar a seguridade do tráfico e dos viandantes, xa que a nova ponte, ademais de ser máis ancha, contará con beirarrúas.

A nova ponte contará con plataforma de 10 metros e beirarrúa
As obras consistirán na demolición practicamente completa da actual ponte, que conta cun único vano de 19 metros, unha plataforma moi estreita e un deterioro considerable nas zonas de apoio dos estribos, e a súa posterior reconstrución, aumentando o ancho da calzada e a sección hidráulica de desaugadoiro.

A nova ponte contará con dous vanos de 14 e 22 metros e pasará da actual calzada de 6 metros de ancho (que se estreita ata só 3 metros nas zonas de viaducto) a unha plataforma de 10 metros de ancho en todo o traxecto, conformada por dous carrís de circulación de tres metros, beiravías de 0,50 metros e beirarrúa de 1 metro en ambas marxes do vial e un petril metálico de medio metro, o que contribuirá a mellorar notablemente as condicións de seguridade do tráfico rodado e dos peóns que circulen por este punto.

Durante a execución das obras será necesario o desvío do tráfico polo entramado de estradas existentes na zona, para o que se habilitará a correspondente sinalización unha vez que dean comezo as obras.

Concello de Ponteceso