Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Despois da adquisición dun novo camión, seguimos apostando pola mellora da xestión dos residuos coa renovación dos contedores

A concellaría de José Luis Pena amplía a recollida de envases a todas as parroquias e o horario de apertura do punto limpo para facilitar a recollida de voluminosos

Despois do importante investimento que vimos de realizar na adquisición dun novo camión de recollida de residuos sólidos urbanos, desde a Concellería de Limpeza e Servizos damos un paso máis na mellora da xestión dos RSU coa renovación dos contedores, a extensión dos puntos de recollida de envases a todas as parroquias e a ampliación do horario do punto limpo.

O Concello de Ponteceso vén de investir, cunha axuda da Deputación da Coruña polo 80% do orzamento, 132.000 euros na adquisición dun novo camión. O presidente provincial, Valentín González Formoso, desprazouse a finais de xullo ata Corme para facernos entrega do vehículo, que nos permite optimizar e mellorar o servizo.

E para seguir traballando nesa liña vimos de adquirir 40 contedores de 800 litros e 15 de 1.100 litros que permitirán ir renovando os vellos colectores tanto nas zonas urbanas coma nas rurais, e que ademais irán acompañados da instalación de 20 soportes de aceiro inoxidable. Os catro operarios contratados dentro do programa de emprego da Deputación, PEL, xa están a colocar os primeiros.

Entre o ano pasado e este realizamos un investimento próximo aos 20.000 euros para cambiar os vellos contedores, que nalgúns casos levaban unha década sen ser renovados, por novos recipientes reciclables, fabricados con pinturas sen metais pesados e homologados conforme ás normativas europeas.

Desde o departamento que dirixe o socialista José Luis Pena Romay facemos un chamamento á colaboración veciñal para evitar as malas prácticas ambientais. ?O contedor é para lixo diario doméstico, non se poden tirar as podas dos xardíns, nin restos de animais mortos, nin lixo sen bolsa. A pesar do esforzo municipal, se non se seguen estes consellos é imposible ter limpos os contedores?, lembra o alcalde, Lois García Carballido.

Novo logo de reciclaxe

Os novos contedores incorporan un novo logo co que pretendemos promover un Ponteceso limpo e comprometido coa xestión eficiente dos residuos.
Nesa liña, en colaboración coa empresa Coregal e a Xunta de Galicia, a Concellaría de Limpeza e Servizos tamén puxo en marcha de cincuenta novos puntos de recollida de envases. ?Agora hai contedores para envases de plástico en todas os lugares, animamos aos veciños e veciñas a reciclar todo o plástico, vidro, papel e voluminosos?, sinala o alcalde.

Para facilitar a xestión dos voluminosos, o Concello de Ponteceso tamén amplía o horario do Punto Limpo, que está aberto para os particulares de luns a sábado de 10 a 13 horas, e os venres e os sábados pola tarde, de 16 a 18 horas, no parque empresarial de Tella, detrás da base do GES. As persoas que o precisen poden chamar ao Punto Limpo nese horario ao teléfono 981 718 253.

Concello de Ponteceso