Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O día 8 botará a andar a nova programación deportiva e cultural das escolas municipais

Inscríbete do 2 ao 4 de outubro, de 09.00 a 14.00 horas, nas oficinas municipais

Coa chegada do mes de outubro, as escolas municipais de Ponteceso volverán abrir as súas portas para acoller unha chea de novas propostas, dirixidas aos nenos e nenas de 3 a 15 anos que residan no noso municipio, como parte da programación anual que veñen de elaborar as concellerías de Cultura e Deporte.

No novo calendario tamén se recolle unha ampla oferta lúdica, deportiva e cultural para maiores de 15 anos co obxectivo de satisfacer os gustos, preferencias e necesidades de toda a veciñanza. Así mesmo, desde o Concello de Ponteceso estanse a ultimar un feixe de actividades acuáticas no río Anllóns, que se desenvolverán durante as fins de semana.

A partir do día 8 botará a andar a nova programación das escolas municipais de Ponteceso e Corme, consolidadas xa como a primeira opción para o tempo de lecer dos máis cativos/as e canteira de formación do deporte e a cultura do noso concello.

Con esta intención e para continuar ampliando coñecementos, este ano, na modalidade deportiva a oferta verase incrementada con novas e suxestivas propostas coma o tiro con arco, unha modalidade que poderán practicar todos os nenos e nenas, maiores de 6 anos, que así o desexen, xa que non haberá límite de prazas. Nas que si estará restrinxido o acceso será en pequemotricidade (3 e 4 anos), patinaxe artística (4 ? 15 anos) na categoría de Patín 1 e judo (3-15 anos). Ademais, a programación completarse con fútbol-sala e fútbol 8 (pendente) para nenos/as de 5 a 11 anos, minibasket/baloncesto, de 6 a 13, e xadrez para maiores de 5 anos.

Pola súa banda, as escolas culturais volverán a encherse de creatividade, arte e imaxinación cos obradoiros de teatro (4-11 anos), danza (4-16 anos), D?Arte (6-14 anos) e cociña (9-14 anos), que tan boa acollida están a ter, ano tras ano, entre o público infantil e xuvenil. Como xa vén sendo habitual, a participación en todos os talleres será limitada co obxectivo de para garantir un maior aproveitamento das clases e asegurar o correcto desenvolvemento das mesmas.

Actividades para adultos
Ao igual que en edicións anteriores, a nova programación municipal tamén incluirá unha ampla e variada oferta lúdica e deportiva dirixida á poboación adulta e á mocidade do noso municipio. Así, haberá clases de ximnasia para maiores de 40 anos, tanto no Edificio das Escolas de Ponteceso como no pavillón municipal de Corme, mentres que nas sesións de aeróbic/step/tono e zumbe poderán inscribirse todas aquelas persoas que superen os 15. Ponte a correr, tiro con arco e ximnasia de mantemento completarán as actividades encamiñadas a promover hábitos de vida máis saudables. Os obradoiros de música, para maiores de 16, que se realizarán en Ponteceso e as actividades de D?Arte (debuxo artístico, óleo, acuarela...) en Corme, serán outras das alternativas ofertadas desde a área de Cultura.

O prazo de inscrición nas diferentes actividades municipais permanecerá aberto os días 2, 3 e 4 de outubro, de 9 a 14 horas. As persoas interesadas en participar poderán formalizar a súa solicitude nas oficinas municipais do departamento de Deportes (981 971 719), Cultura (881 983 683) e na Oficina municipal de Corme (981 738 428). Como vén sendo habitual, no acceso ás diferentes actividades terán preferencia os/as empadroados/as no municipio, e naquelas con límite de praza terase en conta orde de rexistro de entrada. No caso da Escola Municipal de Danza, tamén terán prioridade os alumnos/as matriculados en anos anteriores.

Descargas asociadas


Concello de Ponteceso