Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Melga retoma a programación anual con novo horario e máis visitas guiadas para grupos

Con motivo das festas do Sacramento, este sábado 6 celebrarase un gran festival de Xogos e Deportes Tradicionais Galegos na Aldea do Couto de 16:30 a 19:30 horas

Despois dunha semana de intensa actividade extra polo seu 5º aniversario, e tras un merecido descanso, o Museo Etnolúdico de Galicia e a Fundación Ricardo Pérez y Verdes retoman a programación anual cun calendario no que as visitas guiadas de escolares e colectivos sociais volverán a ser as protagonistas do día a día xunto cos actividades a cuberto.

Como vén sendo habitual, coa nova temporada chegan tamén novas propostas lúdicas para toda a familia, organizadas en colaboración co Concello de Ponteceso, das que iremos informando puntualmente.

Outro dos cambios a ter en conta é a actualización do horario de visita, tanto para particulares como para colectivos, que pasará a ser de luns a venres, de 10 a 14 e de 16:30 a 20:00 horas. Pola contra, as fins de semana, o Melga permanecerá pechado ao público. Só se realizarán percorridos guiados, cunha reserva previa de 15 días, para grupos de 20 persoas como mínimo.

Para o que non fará falta reserva será para participar nas actividades que o Melga desenvolverá mañá sábado na Aldea do Couto con motivo das festas do Santísimo Sacramento. De 16:30 a 19:30 horas, o o campo exterior da Fundación Pondal acollerá un gran Festival de Xogos e Deportes Tradicionais Galegos, patrocinado polo Concello de Ponteceso, a través da Área de Patrimonio, Biblioteca, Política Lingüística e Educación que dirixe Carlos Penedo Casmartiño, en colaboración coa asociación Monte Branco. A sesión, de tres horas de duración, será de balde e nela poderán participar todas as persoas con idades comprendidas entre 1 e 100 anos.

Nova doazón
No Melga non podíamos comezar mellor a nova temporada. Esta semana, o noso museo vén de incrementar a colección de pezas históricas coa doazón, por parte de Bibiana Ortiz Deive, veciña da Ponte do Porto, dun carriño de bonecas de arrastre de madeira e ferro, propiedade da súa bisavoa e datado no ano 1918.

O achádego e as xestións correspondentes á cesión foron realizadas por dous vecinos de Ponteceso, Miguel Márquez e Carmen Bermúdez. Grazas ao seu traballo de investigación e a súa capacidade de convicción, a partir de agora poderemos contar con esta importante peza museística no noso Melga, reflexo dunha clase social de principios do século XX, que moi pronto pasará a formar parte dunha nova exposición na que xa estamos traballar.

Tanto o Concello de Ponteceso como o Melga e a Fundación Ricardo Pérez y Verdes, agradecen a estreita colaboración cidadá na procura de pezas antigas e tradicionais así como a súa doazón e/ou cesión ao museo co fin de promover a recuperación da nosa historia a través dos xogos e os xoguetes de sempre e facilitar así a súa conservación nas mellores condicións.

Concello de Ponteceso