Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O dúo Azabache abrirá os Domingos de baile do mes de novembro organizados pola Concellería de Servizos Sociais

Manu e Alberto Madaira e o grupo Sintonía completarán as citas semanais que se celebrarán no Edificio das Escolas e no Fogar do Pensionista de Corme, de 18 a 21 horas

Na Concellería de Servizos Sociais, que dirixe Isabel Vuelta, propuxémonos encher o mes de novembro de ritmo e diversión, de principio a fin. Por iso, desde este domingo 4 e ata o próximo día 25, os domingos de baile volverán a acompañarnos con actuacións musicais en vivo e en directo para ofrecer aos nosos maiores unha alternativa divertida, bo ambiente e a mellor compañía para o seu tempo de ocio e lecer, ademais de promover novos hábitos de vida, máis activos e saudables, cos que poderán combater o estres, a depresión ou o sedentarismo.

Como logralo? Bailando salsa, bachata, cumbia, pasodobre, tangos, boleros ou chachachá. Non importa o estilo musical con tal de pasalo ben. Os e as participantes tan só deberán deixarse levar polo ritmo do grupo que cada domingo, de 18 a 21 horas, subirá ao escenario do Edificio das Escolas de Ponteceso, agás o día 25 que fará o propio no Fogar do Pensionista da Casa do Mar de Corme. E aos que non lles guste moverse pola pista de baile, poderán gozar dunha relaxada tarde entre xogos de mesa e conversas con amigos/as e veciños/as. Todo vale cando se trata de gozar de xornadas lúdicas e recreativas sen preocupacións e con actividades para todos os gustos.

O dúo Azabache será o encargado de abrir e pechar a programación musical do mes cunha actuación na que intervirá Michael, ex-cantante de orquestras como Filadelfia e Foliada. A primeira, terá lugar o próximo domingo 4 no Edificio das Escolas de Ponteceso, mentres que a última celebrarse no Fogar do Pensionista de Corme o vindeiro día 25. O grupo formado por Manu e Alberto Madaira, ex-cantante de Os Bardos, encherá de ritmo e animación a tarde do 11 de novembro e o dúo Sintonía amenizará cos seus mellores sons o a xornada vespertina do día 18. Vémonos este domingo!

Concello de Ponteceso