Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O goberno municipal trasladou á conselleira de Política Social a necesidade de construír unha residencia con centro de día

O alcalde e a concelleira de Servizos Sociais presentaron na Xunta as prioridades en materia social, entre as que tamén figuran a ampliación da escola infantil e a creación dun albergue xuvenil

A construción dunha residencia con centro de día é a prioridade do goberno municipal de Ponteceso en materia social, e así llo trasladaron o alcalde, Lois García Carballido, e a concelleira de Servizos Sociais, Isabel Vuelta, á conselleira de Política Social, Fabiola García, coa que se reuniron onte luns. A petición forma parte dun paquete de recursos sociais que os representantes municipais entregaron por escrito e sobre o cal xirou a maior parte da reunión.

?Dende os Servizos Sociais traballamos a diario cun sector de poboación cada vez máis envellecido, que vive só, bastante illado, e o Servizo de Axuda no Fogar non resolve toda a problemática que presentan as persoas maiores?, argumenta Isabel Vuelta. Nese sentido, aínda que desde a súa área se valora positivamente o incremento das horas do SAF, que acadan agora as 17.470, a concelleira sinala que hai necesidades que non se poden cubrir con este servizo, polo que se fai imprescindible unha residencia que garanta a atención aos maiores as 24 horas do día nunha contorna próxima á familia.

O goberno municipal de Ponteceso comprometeuse a ceder os terreos para a construción da residencia e centro de día, pero a resposta da Xunta é que este tipo de recursos só están previstos nas grandes cidades. Desde Política Social propuxeron que o Concello negocie cunha empresa privada a construción do edificio e a consellería facilitaría o acceso das persoas usuarias mediante cheques asistenciais.

Isabel Vuelta non tardou nin 24 horas en poñer mans á obra, e xa se puxo en contacto con concellos coma o de Silleda, que ten en marcha nestes momentos un proxecto de residencia. ?Seguiremos movéndonos, porque para nós é un proxecto importantísimo e loitaremos por conseguilo?, asegurou a concelleira.

Outras demandas
A segunda gran demanda do Concello de Ponteceso á Consellería de Política Social é a ampliación da escola infantil para evitar que, como ocorreu este curso, haxa nenos/as que quedan sen praza e sen alternativa no seu concello. ?O aumento de prazas na escola infantil é un xeito de afianzar poboación no rural, algo moi importante no noso concello, e tamén un xeito de facilitar a conciliación da vida familiar e laboral?, argumenta o alcalde. Sobre esta petición, desde a Xunta comprometéronse a facer un seguimento da matrícula para ver se a falta de prazas deste ano foi un problema puntual ou se repite. Desde a Concellería de Servizos Sociais ofrécense todas as facilidades, xa que hai terreo suficiente para acometer a obra, na que tamén seguiremos insistindo desde o Concello.

En terceiro lugar, o Concello de Ponteceso solicitou á Consellería de Política Social a construción dun albergue xuvenil, xa que o máis próximo está situado a máis de 70 quilómetros de distancia. ?Contamos con tres praias de bandeira azul e unha situación privilexiada para ofrecerlles aos mozos actividades variadas de ocio e aventura. Sería outro recurso idóneo _argumenta o goberno municipal_ para afianzar poboación, por en valor o rural e a natureza e dar alternativas á poboación xuvenil?.

O goberno municipal púxose a disposición da Consellería de Política Social para levar a cabo todos os trámites que sexan precisos.

Concello de Ponteceso