Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A Concellería de Servizos Sociais organiza unha viaxe a Viveiro e Begonte para visitar dous dos nacementos de Nadal con máis sona de Galicia

Os/as interesados/as, preferentemente maiores de 55 anos, deberán inscribirse no Concello do 26 ao 30 deste mes

Tras a boa acollida que tivo a excursión a León deste mes, a Concellaría de Servizos Sociais vén de organizar a que será a segunda saída dirixida aos veciños e veciñas do noso municipio como alternativa de ocio para o seu tempo de lecer. Nesta ocasión, dada a proximidade das festas de Nadal, o departamento que dirixe Isabel Vuelta González ten programada para o vindeiro 15 de decembro unha viaxe aos concellos lucenses de Viveiro e Begonte para visitar dous dos nacementos viventes con maior sona de Galicia.

En primeiro lugar, tras o almorzo, os/as participantes realizarán un percorrido polo belén xigante de Viveiro, instalado no exterior da igrexa románica de Santa María con máis de 90 figuras feitas a man e a tamaño natural, que recrean a vida diaria da época a través de oficios tradicionais como o pastoreo, a cantería ou a lavandería, entre outros artesáns. A continuación, a expedición dirixirase ao miradoiro do Monte de San Roque para poder desfrutar dunhas vistas espectaculares da Ría de Viveiro.

Xa pola tarde, despois de xantar nun restaurante da zona, porase rumbo ao municipio de Begonte para coñecer un dos nacementos máis singulares e visitados de Galicia por estas datas. Trátase dun belén con vida propia, no que as figuras están animadas de maneira electrónica. O seu conxunto, un dos máis voluminosos e antigos da nosa comunidade, recrea un escenario tradicional galego con labradores cultivando a terra, pastores atendendo o gando, carpinteiros e ata mariñeiros, entre outros oficios artesanais. Cada ano, desde 1972, incorpóranse novas pezas ao que está considerado un dos nacementos máis antigos de Galicia. Unha visita, sen dúbida, máis que recomendable!

As persoas interesadas en participar deberán anotarse no departamento de Servizos Sociais do luns 26 ao venres 30. As 52 prazas dispoñibles cubriranse por rigorosa orde de inscrición tendo preferencia os maiores de 55 anos. Máis información no 881 983 045 e no 881 983 797.

Concello de Ponteceso