Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A música dos dúos Marineda, Azabache e Sintonía encherá de ritmo os Domingos de Baile ata as vacacións de Nadal

As sesións musicais organizadas pola Concellaría de Servizos Sociais rematarán por este ano o 23 de decembro en Corme e regresarán o 6 de xaneiro en Ponteceso

Desde a Concellería de Servizos Sociais, que dirixe Isabel Vuelta González, non queremos que deixedes de bailar e pasalo ben durante todo o mes de decembro. Por iso, antes da chegada das festas de Nadal, os Domingos de Baile seguirán acompañándonos cada semana, de 18 a 21 horas, con espectáculos musicais en vivo e en directo para que os nosos veciños e veciñas sigan desfrutando dunha alternativa de ocio divertida, saudable e con moito ritmo.

Do domingo 2 ao próximo día 23, algúns dos mellores dúos musicais do momento pasarán polo Edificio das Escolas e o Fogar do Pensionista de Corme para ofrecernos as últimas novidades, cun repertorio amplo e variado no que non faltarán estilos para todos os gustos. Salsa, bachata ou merengue, para os/as máis atrevidos, e tango, pasodobre ou boleros, para os/as máis clásicos, son algunhas das opcións para a pista de baile.

O Dúo Marineda, integrado por Ana Cristina e Suso Botana (ex-cantantes da orquestra Los Trovadores), será o encargado de inaugurar a programación do mes este domingo 2 no Edificio das Escolas, onde tamén terán lugar as dúas actuacións seguintes. O domingo 9 será a quenda do Dúo Azabache e Michael, ex-cantante de Filadelfia e Foliada, que tamén acudirán ao Fogar do Pensionista da Casa do Mar de Corme para encher de ritmo e boa música a tarde do domingo 23. Pola súa banda, o Dúo Sintonía protagonizará a sesión prevista para o día 16 en Ponteceso.

Desde o departamento de Servizos Sociais queremos desexarvos a todos/as Feliz Nadal e un próspero Aninovo co desexo de que gocedes destas datas tan entrañables en compañía das vosas familias e seres queridos. Os Domingos de baile volverán o 6 de xaneiro, tras as vacacións, con máis música e, por suposto, moita diversión. Mentres tanto, non deixedes de bailar e coidado cos excesos gastronómicos!

Concello de Ponteceso