Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A Asociación de Empresarios convida á veciñanza a participar nas actividades da campaña de Nadal e a mercar no comercio de proximidade

Do 12 de decembro ao 4 de xaneiro haberá propostas de ocio para toda a familia e sorteos e premios entre os/as clientes dos establecementos asociados

Gustaríache que este Nadal as túas compras tivesen premio? Queres mercar sen présas mentres os teus fillos/as se divirten xogando ao que máis lles gusta? Pois este ano a Asociación de Empresarios de Ponteceso vaicho poñer doado coa campaña de Nadal , unha iniciativa que pretende dinamizar o comercio local e promover o consumo de proximidade en todo o municipio.

Con ese obxectivo, e coa colaboración do Concello de Ponteceso, o mércores 12 porase en marcha un programa de actividades con interesantes propostas de ocio para toda a familia e un montón de xogos, sorteos e agasallos para premiar a túa fidelidade. A “Busca do Tesouro”, unha festa infantil e a visita de Papá Noel completarán a oferta lúdica programada para que goces das festas máis entrañables do ano sen saír do noso concello.

Desde a organización animan a toda a cidadanía a participar activamente en todos os actos, e a elixir, un ano máis, ao noso comercio como destino das compras de Nadal. Mira todo o que che agarda!

“A Busca do Tesouro”, do 12 e 19 decembro
Os días 12 e 19 os establecementos comerciais que forman parte da asociación de empresarios de Ponteceso converteranse no escenario dun xogo moi divertido no que poderá participar toda a veciñanza e que consistirá en resolver un enigma. Para elo, os/as clientes deberán atopar unha serie de pistas, que permanecerán agochadas nos diferentes comercios participantes. A primeira persoa que logre resolvelo acadará un premio valorado en 250 € para investir nos locais asociados. Ambos días, o xogo dará comezo ás 17 horas. Toda a información sobre o concurso poderédela atopar en “Busca do Tesouro”.

Obradoiro de Nadal, o 15 de decembro
O sábado 15, a partir das 17 horas, os nenos e nenas do noso municipio poderán participar, entre outras actividades, nun entretido obradoiro no que confeccionarán todo tipo de adornos para a árbore de Nadal da Asociación de Empresarios. Así mesmo, a cativada poderá aproveitar para escribir as cartas aos Reis Magos e/ou Papá Noel con todas as súas peticións polo bo comportamento que seguro tiveron durante todo o ano. As actividades desenvolveranse no local que a asociación habilitará para a campaña de Nadal na rúa Eduardo Pondal, 34-baixo (antiga boutique Bambina).

Visita de Papá Noel, o 22 decembro
Ante a inminente chegada da Noiteboa, Papá Noel e o seu Elfo axudante desprazaranse ata o Concello de Ponteceso para saudar e conversar cos máis pequenos/as da casa. Primeiro, realizarán un percorrido polos negocios e comercios da Asociación de Empresarios repartindo caramelos entre todos os/as clientes e persoas que se atopen ao seu paso. A partir das 17 horas, achegaranse ata o local da asociación para recoller as cartas dos nenos/as que se acerquen ata alí.

Festas infantís, o 28 de decembro e o 4 de xaneiro
O venres 28 e o 4 de xaneiro, celebrarase unha gran festa infantil no pavillón municipal de Ponteceso con inchables, pintacaras, globoflexia, música, animación e, por suposto, moita diversión na que tampouco faltará un chocolate ben quentiño para rematar a xornada. Quedades todos convidados/as a partir das 17:00 horas.

Sorteo de Nadal
Este Nadal, mercar no comercio local terá premio! A Asociación de Empresarios de Ponteceso realizará un sorteo entre todos os/as clientes dos diferentes establecementos asociados para premiar a súa fidelidade e aposta polo comercio de proximidade. Así, todas as compras realizadas entre o 1 de decembro e o 6 de xaneiro entrarán nun sorteo que se celebrará o próximo día 8 na sede da entidade. Entregaranse 500€ en cheques-regalo para investir nos locais asociados, e dúas cestas de Nadal con agasallos doados polos negocios e establecementos adheridos á entidade. Merca e participa!

Este Nadal, no Concello de Ponteceso, todo son vantaxes! Agardámoste!

Concello de Ponteceso