Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A Área de Biblioteca dá a benvida ao Nadal cun espectáculo de monicreques co Apalpador coma protagonista

Ademais de estar presente no espectáculo que nos ofrecerá o día 13 A Xanela do Maxín, O Apalpador visitará o día 17 os centros escolares do noso concello

Na Área de Biblioteca que dirixe Carlos Penedo Casmartiño queremos dar a benvida ao Nadal cun espectáculo infantil moi divertido e apropiado para as datas que se aproximan. O vindeiro xoves 13, a nosa Biblioteca Municipal abrirá as súas portas ao ?Apalpador e a nena sen medo?, un contacontos con monicreques, dirixido a nenos e nenas maiores de 3 anos, no que tamén poderá participar toda a familia.

A partir das 18:00 horas, os/as asistentes poderán desfrutar coas historias, os contos e, sobre todo, as palabras dunha das personaxes máis queridas e agardadas nestas festas polos/as peques da casa, xunto ás colaboracións especiais de Luis Vallecillo e Sechu Sende. A actividade, que terá unha duración aproximada de 40 minutos, será de balde.

Producido por Celtia Figueiras e da man da compañía A Xanela do Maxín, o espectáculo achegaranos a historia dunha nena sen medo con grandes soños pero que non fala galego, por iso decide escribir unha carta ao señor Apalpador pedíndolle as palabras de Galicia para poder encher con elas o seu corazón e voar en soños. O apalpador traerá de O Courel brinquedos, castañas, aventuras e... moitas palabras para repartir na noite do 24 de decembro.

Visita aos coles
Dende a Concellaría de Educación queremos achegar aos máis pequenos e pequenas a figura do Apalpador. Por iso, ademais de estar presente no espectáculo do día 13, O Apalpador visitará o 17 a todos os nenos e nenas dos CEIP Eduardo Pondal e As Forcadas e do CRA Nosa Señora do Faro.

Concello de Ponteceso