Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Concello de Ponteceso inviste 156.000 euros máis na mellora de estradas e camiños municipais a través dun convenio coa Deputación

O presidente da Deputación e o alcalde, na sinatura do convenioO presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, asinaron un convenio de colaboración para o financiamento das obras de mellora e mantemento de diversas estradas e camiños municipais.

O convenio suporá un investimento de 156.250 euros, dos que o 64% (100.000 euros) serán achegados pola institución provincial co obxectivo de "incrementar a seguridade do tráfico en zonas carentes de sinalización, con sistemas de drenaxe ou recollida de pluvais deficientes ou nas que o firme está deteriorado; mellorar o acceso a núcleos de poboación e dotar a zonas rurais de novos servizos coma saneamento", afirmou o presidente, Valentín González Formoso, que enmarcou o acordo na ampla acción de cooperación municipal que desenvolve a Deputación.

Pola súa banda, o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, destacou a colaboración da Deputación para mellorar as infarestruturas da localidade e concretou que as obras executaranse en Brantuas de Arriba, Cospindo (Casa cuartel-Cedeira), Nemeño, Niñóns (viario entre a a estrada da praia de Niñóns e a DP-6801), Tallo (viario Bugalleira-Casas Novas), Tella e Xornes.

Descrición das obras

BRANTUAS DE ARRIBA
Realizaranse traballos en dous tramos viarios deste lugar, un de 450 m que vai desde a estrada C.P.: 6801 á altura do P.K. 2 + 190 até a igrexa de san Xulián e un tramo de 450 m que vai desde o cruceiro do interior da aldea até a estrada C.P.: 6801 á altura do P.K. 3 + 270. Trátase de tramos cunha anchura media de 3,50 m fóra de en as proximidades da igrexa na que o ancho aumenta até os 4 m. Comezarase coa limpeza de cunetas e de marxes e posteriormente reporase a capa de rodaxe cunha capa de 5 cm de aglomerado en quente.

No tramo que parte do cruceiro, a escasos metros del, prodúcese un estrechamiento do ancho da vía. Neste punto será necesario levar a cabo un ensanche. Para iso procederase á limpeza da marxe esquerda e realizarase unha cuneta de formigón de 55 m de longo para recoller as augas pluviais. Tamén se actuará no lado dereito aumentando o ancho da plataforma do camiño. Finalmente procederase ao pintado de marcas viarias e un sinal horizontal de stop en cada intersección coa estrada C.P.: 6801.

COSPINDO
Realizaranse traballos nun tramo que vai desde a casa cuartel até Cedeira, intersección coa estrada AC-424. Trátase dun tamo de 650 m de longo e unha anchura media de 3,20 m.

O tratamento será o mesmo que no proxecto anterior, e ademais será necesario dispor dunha rede de saneamento de 160 m de lonxitude para conectar con rede existente.

NEMEÑO
Trátase dunha pista realizada tras a concentración parcelaria. Está formada por dous tramos, un de 250 m e outro de 75 m, ambos cun ancho de 5 m.
Comezarase coa limpeza de cunetas, tapado das fochancas existentes, regularizando posteriormente a superficie coa extensión de dez centímetros de zahorra e posterior triplo tratamento asfáltico, para rematar co pintado da sinalización.

NIÑÓNS
Realizaranse traballos nun tramo de 575 m que vai desde a estrada C.P.: 6801 á altura do P.K. 2 + 000 até a estrada que leva á praia de Niñóns. Este tramo ten unha achura media de 3,50 m. A actuación realizarase con aglomerado e tamén inclúe sinalización.

TALLO
Realizaranse traballos nun tramo de 1.375 m que vai desde a estrada A.C-419 á altura do P.K. 6 + 175 até o lugar de Casa Nova e polo interior deste lugar. Este viario dispón de tramos de 3,20 m, 4 m e 4,50 m, dando unha media de 3,50 m, que tamén serán aglomerados e pintados.

TELLA
Realizaranse traballos de aglomerado nun tramo de 250 m de longo cun ancho medio de 3,50 m.

XORNES
Realizaranse traballos de aglomerado nun tramo de 230 m de longo outro de 60 m cun ancho medio de 4,20 m.

Concello de Ponteceso