Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A compañía de teatro TrinkeTrinke volve a Ponteceso polo Nadal para presentar o contacontos infantil “O Ratiño Presumido”

O espectáculo, organizado pola Área de Normalización Lingüística, terá lugar o venres 28, a partir das 18 horas, na Biblioteca Municipal

A ratiña máis internacional de Lonxedetodo, e unha das máis queridas polos/as peques da casa, volve a Ponteceso polo Nadal para compartir con todos os veciños e veciñas do noso municipio o importante encargo profesional que vén de recibir: dirixir o musical "A Ratiña Presumida", do que fará a súa propia versión para convertelo en “O Ratiño Presumido”.

Para elo, contará coa valiosa axuda do seu amigo e veciño, o Rato Fuco, e a inestimable colaboración dos pais e nais que o venres 28 asistan na Biblioteca Municipal a este divertido espectáculo que nos achega a Área de Normalización Lingüística, dirixida por Carlos Penedo Casmartiño.

Como é habitual nos contos tradicionais, "A Ratiña Presumida" tamén fomenta os estereotipos de xénero e as ideas sexistas. A través desta actividade, a compañía de teatro TrinkeTrinke pretende darlle a volta ao conto clásico e poñer sobre o escenario a un ratiño que desfruta cantando e limpando a súa casa para dar visibilidade a unhas mulleres empoderadas, escollidas entre o público, que non terán ningún problema en tomar a iniciativa e propoñerlle matrimonio ao Rato Fuco.

Anímaste a ser ti unha delas? Pois agardámoste a partir das 18:00 horas. E é de balde!

Concello de Ponteceso