Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A Concellería de Educación dará a coñecer aos gañadores do ?III Certame de Ilustración Infantil e Xuvenil Castelao? o día 1, coincidindo co aniversario do nacemento do escritor

A profesora Enma Abella será a encargada de conducir o acto, que se celebrará na Biblioteca Municipal a partir das 20:00 horas, e que contará cun espectáculo infantil protagonizado por Paco Cerdeiras ?Pakolas?

A Concellería de Educación, Patrimonio e Asociacionismo de Ponteceso organiza o III Certame de Ilustración Infantil e Xuvenil Castelao, dirixido ao alumnado dos diferentes ciclos de infantil, primaria e secundaria do noso concello. Hoxe venres 11, rematou o prazo de presentación dos traballos e non será ata o vindeiro 1 de febreiro cando se dean a coñecer aos gañadores/as do concurso, coincidindo coa semana na que se conmemora o 133º aniversario do nacemento do escritor de Rianxo (29/01/1886-07/01/1950).

A partir das 20:00 horas, a Biblioteca Municipal acollerá o acto de entrega de premios aos finalistas do certame, un/ha por categoría, que este ano recibirán unha tableta electrónica como agasallo en cada un dos tres niveis educativos.

A profesora do IES Eduardo Pondal, licenciada en filoloxía galego-portuguesa e actual membro do xurado, Emma Abella Cruz, será a encargada de conducir o evento, ao que poderán asistir todos os veciños e veciñas que o desexen.

Ao remate, nenos/as e maiores poderán desfrutar do espectáculo musical familiar ?As parábolas de Pakolas?, no que o músico e compositor Paco Cerdeiras combinará cancións de rock e outros estilos con historias e contos para crear, en forma de parábola, unha mensaxe final que convidará á reflexión e á aprendizaxe.

Xurado
O xurado da terceira edición deste certame, xa consolidado entre a rapazada do noso municipio, está integrado polo concelleiro de Educación, Carlos Penedo Casmartiño; Beatriz Fernández Cortizas e Patricia Iglesias Pereira, ambas licenciadas en Belas Artes e profesoras de debuxo no IES Eduardo Pondal; Xosé Manuel Varela Varela, licenciado en filoloxía galego-portuguesa e profesor no CPR Plurilingüe Fogar de Santa Margarida e Emma Abella Cruz, tamén licenciada en filoloxía galego-portuguesa e profesora no centro de secundaria pontecesán.

Este ano, tal como establecen as bases do concurso, os alumnos e alumnas participantes tiveron que realizar unha ilustración orixinal e inédita, de técnica libre e en formato A4, inspirada na figura da muller dentro da obra de Castelao, tanto na súa faceta artística como na narrativa, poética, dramática ou ensaística.

Entregados xa os traballos nos diferentes centros de ensino de Ponteceso, só queda agardar a coñecer o nome dos gañadores/as do III Certame de Ilustración Infantil e Xuvenil e, chegado o gran día, desfrutar dunha tarde de celebración, na que a diversión e a animación van a estar aseguradas. Vémonos!

Concello de Ponteceso