Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Un total de 2.007 familias do noso concello súmanse ao servizo de recollida de aceite de cociña porta a porta

O reparto de botes de almacenaxe, promovido pola área de Medio Ambiente, rematou en decembro e o servizo xa está en funcionamento

A excelente acollida da campaña de recollida de aceite de cociña demostra a preocupación da veciñanza do noso concello polo medio ambiente. Despois de petar en todas as portas durante os últimos meses do ano que vimos de rematar, os traballadores da empresa Collecting Oil repartiron un total de 2.007 botellas para a recollida dos aceites usados. Neses recipientes, de 10 litros de capacidade, as familias poderán almacenar o aceite ata a data de recollida, que se indica na tapa.

Tanto desde a empresa Collecting Oil coma desde a Concellaría de Medio Ambiente destacan a boa resposta da poboación e a gran acollida que vén de recibir a proposta, que xa está en marcha.

O funcionamento do servizo, impulsado polo concelleiro José Manuel Pose Verdes, será moi sinxelo. As familias terán os botes nos seus domicilios e irán introducindo neles o aceite de cociña usado ou tamén o das latas de conservas. O día da recollida deberán deixar o recipiente nun lugar accesible para que o persoal da empresa, que irá debidamente uniformado e en vehículos rotulados, poida realizar a recollida e volver a deixar o bote baleiro.

A empresa, que está autorizada para a xestión deste residuo, transportará o aceite á súa planta de valorización, situada en Carballo, para tratalo e reutilizalo para a produción de biodiésel.

Con este sistema conseguiremos evitar que un dos produtos máis contaminantes que se tira polos desaugues non acabe en sumidoiros, ríos e mares, ao tempo que se contribúe á creación de emprego na nosa contorna.

Concello de Ponteceso