Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A Concellaría de Educación e a Casa-Museo Manuel María retoman as actividades do 50º aniversario de ?Os soños na gaiola? coa exposición de 12 ilustracións de Leandro Lamas

Nas vindeiras semanas a mostra visitará os centros de primaria de Corme e Ponteceso para achegar ao alumnado a obra do autor chairego a través das coloristas acuarelas do pintor naronés

Tras a celebración dun espectáculo infantil de monicreques, protagonizado pola compañía de teatro Títeres Alakran o pasado mes de decembro, na Concellaría de Educación de Ponteceso retomamos as actividades conmemorativas do 50º aniversario da publicación do libro ?Os soños na gaiola? de Manuel María, obra inaugural da poesía infantil en galego, cunha segunda proposta dirixida ao alumnado de primaria do noso concello.

A nova actividade chegará da man do pintor e ilustrador naronés Leandro Lamas, que elaborou para a Fundación Manuel María de Estudos Galegos 12 ilustracións, en acuarela, baseadas en 12 poemas do libro (?O vento?, O meu barco?, ?O arco da vella?, ?A muiñeira?, ?O soñador?, O lume novo?, ?O meu año?, ?Galiza?, ?O meu burriño?, ?Señor Gato?, ?A estrela sen nome? e ?O río?).

Co obxectivo de achegar a poesía de Manuel María á cativada dun xeito lúdico e divertido, o departamento que dirixe Carlos Penedo Casmartiño e a Fundación Manuel María levarán a cabo nas vindeiras catro semanas unha exposición coas ilustracións de Leandro Lamas no CEIP As Forcadas de Corme e, posteriormente, no centro Eduardo Pondal de Ponteceso.

A actividade consistirá na realización de visitas, de cincuenta minutos de duración, durante as que o alumnado de primaria poderá desfrutar da lectura dos poemas do autor chairego ao tempo que descobren as acuarelas repletas de cores, formas e perspectivas do pintor, que, sen dúbida, lograrán atraer a súa atención e interese dada a súa gran beleza. A través do xogo, procederase á observación e a análise das pinturas para percibir matices, detalles e escollas que nos leven a descubrir o mundo da infancia de Manuel María e relacionalo coa vida das nenas/os que visiten a exposición.

Máis actividades

Ademais, está previsto realizar un acto conxunto, aberto á participación das familias, no que o alumnado dará a coñecer os traballos didácticos desenvolvidos nas aulas durante o presente curso académico, a través dun recital poético e a interpretación musical dalgúns poemas.

Por último, o departamento que dirixe Carlos Penedo Casmartiño ten previsto realizar unha saída cultural a Outeiro de Rei (Lugo) para visitar a Casa-Museo de Manuel María coa finalidade de que os alumnos e alumnas de Ponteceso e Corme poidan coñecer o valioso e interesantísimo legado do escritor.

Concello de Ponteceso