Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Un curso sobre novas tecnoloxías e outro de cociña saudable centran a programación de Servizos Sociais para o primeiro semestre do ano

Hoxe mércores abre o prazo de inscrición para participar nos obradoiros que impartirá a empresa de xestión social MáisPorvir dentro do programa Actívate 2019

Na Concellería de Servizos Sociais xa está todo a punto para que dea comezo unha nova edición do programa Actívate 2019, unha iniciativa de carácter formativo dirixida a incrementar a oferta de ocio e tempo de lecer dos veciños e veciñas do municipio co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida e promover a participación social da veciñanza. A empresa de xestión social MáisPorvir será a encargada, un ano máis, de xestionar os diferentes obradoiros que se leven a cabo ao longo deste ano.

Tras o éxito de participación e os excelentes resultados acadados na pasada temporada, o departamento que dirixe Isabel Vuelta González iniciará este mesmo mes a nova programación coa posta en marcha do curso Novas Tecnoloxías II, no que os/as participantes poderán aprender e/ou ampliar coñecementos básicos para o manexo de dispositivos móbiles e ordenadores, cada vez máis presentes na nosa vida diaria, e descubrir os seus beneficios e utilidades.

O novo obradoiro dará comezo o próximo luns 28 e prolongarase ata o vindeiro mes de marzo. Para un maior aproveitamento do curso, as clases, que se levarán a cabo na aula de informática do Centro Cultural de Ponteceso, dividiranse en tres grupos e celebraranse os luns, mércores e xoves, de 17 a 19 horas.

A segunda acción formativa programada para o primeiro semestre do ano consistirá nun obradoiro de cociña saudable, que se realizará durante os meses de abril, maio e xuño no local das amas de casa de Ponteceso. Neste caso, as sesións impartiranse todos os mércores e xoves, de 17 a 19 horas.

Inscricións
As persoas interesadas en participar nas diferentes accións formativas deberán inscribirse no departamento de Servizos Sociais de Ponteceso a partir de hoxe mércores e ata o venres 25. Máis información nos teléfonos 881 983 045 - 881 983 797.

Concello de Ponteceso