Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A Área de Deportes de Ponteceso organiza unha xornada de kaiak no río Anllóns de cara á posta en marcha dunha actividade continuada

A actividade desenvolverase o domingo das 10:30 ás 12:30 horas, será de balde e estará aberta á participación de toda a veciñanza

Fomentar a práctica deportiva ao aire libre aproveitando os recursos naturais que ofrece o noso concello é un dos obxectivos centrais que persegue a nova proposta que a Concellaría de Deportes, dirixida por Marco Varela Vidal, vai poñer en marcha o próximo domingo 24 na desembocadura do río Anllóns, ao seu paso por Ponteceso.

A iniciativa consistirá na realización de diversas actividades recreativas guiadas en kaiak para achegar esta atractiva modalidade á veciñanza e desfrutar dunha xornada única e diferente en contacto directo coa natureza.

A partir das 10:30 horas, a rampla de acceso ao río, situada no paseo fluvial (entre o parque infantil e a Praza do Relleno), converterase no punto de partida dunha mañá repleta de aventura e diversión en familia, na que os/as participantes poderán poñer a proba a súa habilidade e destreza sobre o medio acuático con xogos recreativos, para os máis atrevidos/as, e relaxantes paseos polo río para os/as que prefiran vivir unha experiencia máis tranquila desfrutando das fermosas vistas que ofrece a contorna.

Para poder participar tan só haberá que cumprir dous requisitos: ser maior de 8 anos e saber nadar.

A empresa encargada do desenvolvemento da actividade será o Club de Pesca Noroeste, que proporcionará os recursos técnicos (kaiaks, chalecos...) e humanos (monitores especializados) necesarios para garantir o correcto funcionamento da mesma. A sesión, que terá unha duración aproximada de dúas horas, será de balde.

Desde a Área de Deportes, o concelleiro Marco Varela anima a toda a veciñanza a achegarse o próximo sábado ata as inmediacións do río Anllóns e participar na que será ?unha xornada para desfrutar en familia dunha nova alternativa para o tempo de lecer que conxuga á perfección ocio, deporte e natureza. Que máis se pode pedir??, engadiu.

Kaiak todo o ano e para toda a familia
Tras esta primeira experiencia, o responsable do departamento anunciou a súa intención de dar continuidade a esta actividade incorporándoa á programación anual municipal ?para ofrecer á veciñanza unha oferta lúdica e deportiva máis ampla e variada, capaz de satisfacer as necesidades e os gustos tanto da cativada como da mocidade e do público adulto, aproveitando un dos espazos máis fermosos e emblemáticos do noso municipio?.

Para poder realizar as rutas guiadas en kaiak ao longo de todo o ano será necesario acadar un número determinado de inscricións. De ser así, dita actividade desenvolveríase en dúas quendas rotativas, os sábados pola tarde e os domingos pola mañá, de dúas horas de duración cada unha. Anímate e participa!

Concello de Ponteceso