Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A Área de Normalización Lingüística organiza un taller de escritura impartido pola autora cormelá María Suárez González

A actividade, dirixida a persoas maiores de 14 anos, desenvolverase os días 4, 11 e 25 de abril e o 2 de maio ás 18:30 horas na Biblioteca Municipal

Se che gusta escribir e queres perfeccionar o teu estilo ou descubrir as diferentes técnicas de escritura que empregan algúns dos autores/as de maior prestixio, no Servizo de Normalización Lingüística, que dirixe Carlos Penedo Casmartiño, ímoscho poñer doado grazas ao taller de escritura que imos levar a cabo na Biblioteca Municipal para que deas renda solta á túa paixón.

A encargada de impartir o obradoiro, que se vai celebrar todos os xoves ás 18:30 horas, desde o 4 de abril ao 2 de maio, será a escritora de orixe cormelá María Suárez González, autora do libro de relatos “Soñando con Cala”. Ao longo das catro sesións (4, 11 e 25 de abril e 2 de maio) os/as participantes fortalecerán a súa expresión escrita mediante a análise reflexiva, a discusión grupal e a produción de textos literarios e non literarios de carácter individual.

Redactar de forma clara e estruturada, adquirir recursos e coñecementos que potencien a creatividade e superar posibles obstáculos psicolóxicos son algúns dos obxectivos que, con toda probabilidade, alcanzarán as persoas que se animen a participar nesta actividade gratuíta, dirixida a toda a veciñanza maior de 14 anos. Agardámoste!

Concello de Ponteceso