Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Esta Semana Santa volve a Festa Marisqueira a Ponteceso cunha oferta gastronómica e un cartel musical de primeira

Malvela, Cherry & The Ladies e La Guardia protagonizarán os concertos nocturnos, pero tamén haberá sesión vermú os días 19 e 20 con Carmen Rey e Malditos Pendejos

Esta Semana Santa non poderás resistirte á atracción de Ponteceso, porque ademais dos actos relixiosos que se celebrarán en Corme, despois do éxito acadado o ano pasado volve a Festa Marisqueira, organizada polo concelleiro de Festas, José Manuel Pose Verdes.

O Concello de Ponteceso aposta pola promoción da Semana Santa como unha das épocas fortes para o turismo e este ano reforzamos a aposta co obxectivo de que repercuta no sector e, en consecuencia, na economía local. Pero tamén apostamos pola posta en valor do produto autóctono, do traballo do sector marisqueiro e da gastronomía propia. A Festa Marisqueira é unha das pouquísimas celebracións gastronómicas nas que non só se utiliza, exclusivamente, produto fresco en todas as elaboracións.

A Festa Marisqueira celebrarase os días 18, 19 e 20. Haberá degustacións na carpa da Praza do Relleno tanto a mediodía coma á noite, pero tamén haberá música, e ademais de primeirísima calidade.

Actuacións musicais
Abriremos o día 18 á noite con Malvela, un grupo galego integrado por mulleres que van dende os 30 ata os 80 anos, e que son capaces de conectar con públicos de idades e procedencias diversas. Os seus concertos sempre son emocionantes, participativos e moi divertidos, así que non o perdades.

O Venres Santo a música xa soará na sesión vermú con Carmen Rey, unha das artistas máis persoais do panorama do jazz, soul e funk en España. E pola noite estará en Ponteceso Cherry & The Ladies, unha banda feminina de rock and roll que o ano pasado realizou máis de 50 concertos e que vos sorprenderán co seu directo.

E despois de dous días de protagonismo feminino, o sábado chegarán dende Ferrol, e con novo disco baixo o brazo, Malditos Pendejos, unha banda de rock que garante a diversión. Como colofón a este extraordinario programa musical, a noite de sábado regresaremos aos anos 80 cunha das bandas míticas daquela época, La Guardia, que sen dúbida farannos desfrutar con temas coma ?Mil calles llevan hacia ti? ou ?Cuando brille el sol?.

Esta Semana Santa ninguén dá máis! Vívea en Ponteceso!

Concello de Ponteceso