Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Ponteceso dará a coñecer ao gañador/a do ?I Premio de Poesía Concello de Ponteceso. Eduardo Pondal? o venres 17, coincidindo co Día das Letras Galegas

Será nun acto aberto á cidadanía que terá lugar a partir das 10:00 horas no Salón de Plenos do Concello

Coincidindo co Día das Letras Galegas, o venres 17 o Concello de Ponteceso dará a coñecer o nome do gañador/a da primeira edición do ?Premio de Poesía Concello de Ponteceso. Eduardo Pondal?, organizado polo consistorio, a través das concellarías de Normalización Lingüística e Educación que dirixe Carlos Penedo Casmartiño, xunto coa Fundación Eduardo Pondal e a editorial Medulia. Será nun acto aberto ao público, que se celebrará no Salón de Plenos da Casa Consistorial a partir das 10.00 horas.

O xoves 16, ás 16:30 horas, os membros do xurado reuniranse nas instalacións da editorial coruñesa Medulia para elixir ao finalista do certame entre os máis de trinta manuscritos recibidos, procedentes de diferentes puntos da nosa comunidade e de todas as provincias galegas, ?o que demostra a excelente acollida que tivo este premio chegando a bater todos os récords de participación previsibles na súa primeira edición, poñéndose ao nivel doutros galardóns de recoñecido prestixio e xa consolidados no eido literario do noso país?, comentou orgulloso e emocionado o concelleiro Carlos Penedo.

O xurado
O equipo encargado de seleccionar a obra gañadora está integrado por destacadas personalidades da cultura e as letras como son: Luciano Rodríguez Gómez, licenciado en Filoloxía Románica e profesor na Universidade de A Coruña, ademais de recoñecido crítico literario especializado en poesía; Teresa Seara Domínguez, licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa, profesora e crítica literaria especializada en poesía; Monserrat Yoldi Sanmartín, poeta e profesora de lingua e literatura nun instituto coruñés; o pontecesán Miguel Anxo Mato Fondo, poeta e profesor xubilado de lingua e literatura galega e Xulio López Valcárcel, consagrado escritor e director da editorial Medulia xunto con Diana Varela Puñal, que exercerá de secretaria recollendo acta da sesión.

Na selección dos traballos, o xurado valorará especialmente a calidade formal e lingüística dos textos xunto coa orixinalidade e a unidade do poemario. Tras dar a coñecer ao gañador/a, o Concello de Ponteceso fixará unha data para a celebración do acto de entrega do premio, no que se obsequiará ao finalista cun cheque por valor de 500,00 ?, un diploma e unha efixie conmemorativa de Eduardo Pondal. Así mesmo, a obra será publicada por Medulia Editorial e o autor recibirá un total de 25 exemplares. Sorte a todos/as!

Concello de Ponteceso