Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Concello de Ponteceso tramita por procedemento urxente as obras de mellora da rede de abastecemento de auga a Corme

? O orzamento do proxecto, que consistirá na substitución da canalización de distribución xeral, acada os 122.251,20 euros
? As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata as 23.59 horas do día 18

Xa está en licitación o proxecto de mellora da rede de abastecemento de auga potable a Corme, que nesta primeira fase abrangue a substitución da canalización de distribución xeral cun orzamento de 122.251,20 euros. Dada a natureza da actuación, o goberno municipal do PSOE de Ponteceso, que só contou no pleno co apoio de APIN, optou por utilizar o procedemento urxente, polo que as empresas dispoñen de prazo ata as 23.59 horas do día 18 deste mes para presentar as súas ofertas.

O obxectivo da actuación é a mellora da rede de de distribución xeral para evitar que poidan repetirse crise como a que vimos de padecer en Corme debido á contaminación da auga. Unha parte importante da rede está formada por tubaxes de fibrocemento de 150 milímetros de diámetro que xa esgotaron a súa vida útil, estimada nuns 25 anos. Ademais, unha parte do trazado discorre por terreos privados, o que dificulta os labores de mantemento e reparación.

As continuas roturas da rede de distribución xeral no treito comprendido dende a ETAP ata a estrada AC-424 e o seu enlace coa canalización de PVC comprometeron severamente, segundo consta nos informes técnicos e no propio proxecto, a prestación do servizo e ameazou a saúde dos usuarios. Por este motivo, a substitución das tubaxes está considerada como a actuación máis urxente de cara á mellora do estado actual do sistema de abastecemento.

Con ese obxectivo, as tubaxes de fibrocemento serán substituídas por unha nova rede de maior sección e mellores características sanitarias, e ademais modificarase o trazado para levala polo dominio público da rede viaria. A nova rede terá unha lonxitude de 400,54 metros. Tamén se instalarán as pezas especiais precisas para garantir o correcto funcionamento da rede. Así mesmo, está prevista a instalación dunha nova canalización paralela que permita o baleirado do depósito e outro ramal para evacuar a auga procedente do lavado de filtros da ETAP. Pozos de rexistro, caldeirería e válvulas completan a actuación.

Por outra banda, a substitución do treito que afecta á gabia da marxe dereita da estrada AC-424 aproveitarase para crear unha senda peonil paralela. No resto de vías afectadas polas obras contémplase a reposición do pavimento.

Concello de Ponteceso