Concello de Ponteceso

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Turismo :: Presentación

Presentación

Datos de interese


A Ponte

Concello da provincia da Coruña e diócese de Santiago de Compostela. Ocupa o extremo máis oriental da Costa da Morte.

Limita polo norte e polo oeste co Océano Atlántico, polo sur co concello de Cabana de Bergantiños e co concello de Coristanco e polo leste co concello de Carballo e co concello de Malpica de Bergantiños.

A extensión municipal é de 91,78 km2, ten catorce parroquias e setenta e tres entidades de poboación, onde residen 6,696 habitantes. Ten dous núcleos urbanos: Ponteceso (capital do concello) e Corme Porto (vila mariñeira).

É un concello alongado de oeste a leste en case 20 km, de grande diversidade morfolóxica e cunhas formas de relevo que se caracterizan por ser o máis accidentado da comarca e adquirir, ás veces, o aspecto de terra de montaña, a pesares da escasa altitude dos seus montes, que só ocasionalmente superan os 200 m sobre o nivel do mar.

Moi preto ao litoral corren unha serie de altozanos, en forma de pequena serra, dende o monte Nariga (223 metros) ata O Roncudo, onde se alza o Alto das Vixías (187 metros).

O Monte Branco é o punto dende onde se divisa Ponteceso, Cabana de Bergantiños e Laxe e a Enseada da Ínsua, onde se amontoa a area e se forma un grande conxunto de dunas de case dous km de lonxitude e uns catrocentos metros de anchura media. Esa area trepa polas ladeiras do Monte Branco ata o Alto das Travesas.

A zona costeira é elevada, con grandes cantís, só interrompidos polas pequenas calas areosas de Niñóns e a enseada da Barda. Dentro da ría, esa costa faise máis amable e recollida. Osmo e Ermida, próximas a Corme Porto, a de Balarés e A Barra en Ponteceso, e as de Santa Mariña, Morro e Niñóns na parroquia de Niñóns.

Concello de Ponteceso