Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A Subdelegación do Goberno e o Ministerio de Defensa implícanse co Concello de Ponteceso na organización do Bicentenario de Mourelle

Pilar López Rioboo, subdelegada do Goberno na Coruña, e Antonio Bernal, delegado de Defensa en Galicia, mantiveron un encontro con representantes municipais e do movemento cultural de Corme

O Concello de Ponteceso está a intensificar os contactos de cara á conmemoración do 200º aniversario do pasamento do ilustre cormelán Francisco Antonio Mourelle da Rúa, que se celebrará o 24 de maio. Froito deses contactos e das numerosas xestións realizadas, onte visitaron o noso concello a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López Rioboo, e o delegado de Defensa en Galicia, Antonio Bernal, que participaron nunha xuntanza co alcalde, Lois García Carballido, e outros membros da corporación municipal para empezar a preparar o bicentenario.

Na primeira parte da reunión tamén participou o escritor, artista e activista cultural Suso Lista, que realizou numerosas achegas para a programación. Nesta primeira toma de contacto acordouse establecer un protocolo de colaboración co Ministerio de Defensa dada a significación histórica do mariño cormelán polas numerosas expedicións e fazañas que caracterizaron a súa vida de navegante.

A xuntanza de onte marcou o inicio dunha ?frutífera relación? entre o Concello de Ponteceso e o Ministerio de Defensa, como quixo facer constar Antonio Bernal na dedicatoria que escribiu no Libro de Ouro. A subdelegada do Goberno, pola súa banda, plasmou unha fermosa dedicatoria na que gabou o traballo que vén desenvolvendo o goberno municipal a prol da igualdade de oportunidades e pola eliminación da violencia de xénero.

Ámbalas dúas autoridades foron agasalladas con cadansúa peza de artesanía elaborada pola Asociación de Redeiras Illa da Estrela, de Corme.
Pilar López Rioboo aproveitou a visita para achegarse ata o cuartel da Garda Civil, onde veñen de levarse a cabo recentemente obras de renovación da cuberta para evitar os problemas de humidades. Na visita ás instalacións, situadas moi preto da Casa do Concello, tamén estiveron, ademais do comandante de posto, o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil na Coruña, Francisco Javier Jambrina, e o capitán da 5ª Compañía de Carballo.

Concello de Ponteceso