Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Concello de Ponteceso recibe 31.167,80 € da Xunta de Galicia e do FEDER para mellorar a xestión dos residuos municipais

• A axuda permitirá a ampliación e mellora da recollida separada dos biorresiduos coa instalación de 28 contedores marróns intelixentes de 240 litros na vía pública
• Tamén a adquisición dun punto limpo móbil que percorrerá as parroquias e núcleos do municipio para achegar á veciñanza a recollida separada de residuos especiais


O Concello de Ponteceso resultou beneficiario de dúas axudas da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, convocadas pola Orde do 15 de xaneiro de 2026 para o financiamento de actuacións dirixidas a incrementar a ecoeficiencia na xestión dos residuos de competencia municipal (procedemento MT975X) e cofinanciadas nun 60 % pola Unión Europea no marco do programa Galicia FEDER 2021-2027. O importe total concedido ascende a 31.167,80 euros.
As actuacións subvencionadas son as seguintes:
Liña 1 · Recollida separada de biorresiduos (17.458,50 €). Ampliación e mellora da recollida separada dos biorresiduos coa instalación de 28 contedores marróns intelixentes de 240 litros na vía pública, con peche electrónico e apertura mediante tarxeta ou chave persoal para as familias e os grandes xeradores (hostalaría, comercio e centros públicos), para que os restos de comida deixen de ir á fracción resto e se valoricen como compost.
Liña 6 · Punto limpo móbil (13.709,30 €). Adquisición dun punto limpo móbil que percorrerá as parroquias e núcleos do municipio para achegar á veciñanza a recollida separada de residuos especiais (aceite, pilas, pequenos aparellos eléctricos, lámpadas, téxtil, envases de produtos perigosos, etc.).
O obxectivo principal destas axudas é ampliar a capacidade de xestión de residuos municipais e o resultado que se pretende acadar é aumentar a cantidade de residuos que se recollen de xeito selectivo, en liña cos obxectivos do Plan de Xestión de Residuos Municipais de Galicia 2030 e da Lei 7/2022 de residuos e solos contaminados para unha economía circular.
As actuacións executaranse ao longo de 2026. O Concello de Ponteceso pide a colaboración da veciñanza para facer un bo uso dos novos servizos, dos que se irá informando a medida que entren en funcionamento.
Actuación cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa Galicia FEDER 2021-2027 (taxa de cofinanciamento do 60 %) e pola Xunta de Galicia, Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.






Concello de Ponteceso