O luns 19 abrirá o prazo de inscrición para participar nos obradoiros, que impartirá a empresa de economía social Máis Porvir dentro do programa ?Actívate 2018?
A Concellería de Sanidade e Servizos Sociais, que dirixe Isabel Vuelta, porá en marcha no mes de abril as actividades incluídas no programa Actívate 2018, unha iniciativa dirixida a incrementar a oferta de ocio e tempo de lecer dos veciños e veciñas do municipio co obxectivo de mellorar a súa calidade de vida e promover a participación social da veciñanza.
Artes manuais (técnica de patchwork), arranxos florais, memoria activa e novas tecnoloxías son as novas accións formativas elixidas para este ano ?por ser as máis demandadas e as que espertan maior interese e curiosidade entre os cidadáns?, segundo apuntou a titular da área. As actividades, impartidas e xestionadas pola empresa Mais Porvir Xestión Social na biblioteca do Centro Cultural, levaranse a cabo entre os meses de abril a decembro, cun total de 54 sesións teórico-prácticas e 108 horas de duración.
As persoas interesadas en participar en calquera destes obradoiros deberá formalizar a súa inscrición do 19 ao 28 de marzo, ben no departamento de Servizos Sociais do Concello de Ponteceso ou ben chamando aos teléfonos 981 971 594 e 881 983 233.
CalendarioOs/as máis madrugadores serán os/as participantes do curso de arranxos florais, que se celebrará de abril a maio. Pola súa banda, as clases de artes manuais concentraranse no mes de xuño e en setembro e outubro tocaralles a quenda aos alumnos/as de memoria activa. As novas tecnoloxías pecharán o 2018, de novembro a decembro.
En cada obradoiro, que terá unha duración de dúas horas polas tardes, só poderán participar un máximo de 15 alumnos/as, divididos en dous grupos e dous días, para garantir así unha atención personalizada e adaptada ás necesidades de cadaquén. Deste xeito, todas as sesións teórico-prácticas serán impartidas os luns e mércores de cada semana, agás a especialidade de artes manuais, que se desenvolverá os martes e os xoves.