Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Os Ratos de Lonxedetodo chegarán o luns a Ponteceso para conquistar a nenos e nenas de 3 a 8 anos co espectáculo ?Avós?

A sesión de contacontos forma parte das actividades con Apego programadas desde o Servizo de Normalización Lingüística

Se hai un espectáculo que sempre funciona entre o público máis pequeno e esixente é o dos Ratos de Lonxedetodo. Estes simpáticos personaxes creados pola compañía Trinketrinke, estarán o luns 19, ás 19.00 horas, na biblioteca municipal de Ponteceso para conquistar aos nenos e ás nenas de 3 a 8 anos coa sesión de contacontos ?Avós?, na que a artista máis internacional do grupo, a gran Lilí Gruyére, contaranos como, hai moitos anos, axudou á súa avoa a plantar unha maceira e como hoxe, cada vez que come unha mazá, lembra a súa avoa.

O ciclo de vida e o respecto ás persoas maiores son as aprendizaxes centrais deste espectáculo, programado desde o Servizo de Normalización Lingüística, que dirixe o concelleiro de Educación, Asociacionismo e Patrimonio, Carlos Penedo Casmartiño, dentro do programa Apego.

Apego
Apego é unha iniciativa que botou a andar no ano 2015 para incentivar e facilitar a socialización en galego das nenas e dos nenos desde a primeira infancia, e que neste momento é desenvolvida desde os servizos de normalización lingüística de 30 concellos, entre eles o de Ponteceso, o único da comarca de Bergantiños xunto con Carballo. Grazas ao desenvolvemento acadado nestes anos, o proxecto chega a unha poboación que supera os 1.300.000 habitantes, entre a que está a das sete cidades galegas.

Apego é un programa colectivo dirixido a fomentar e a facilitar a transmisión do galego como lingua inicial e a socialización dos nenos e das nenas desde que nacen no noso idioma, para o que se desenvolven materiais, facilítanse e difúndense recursos, deséñanse e prográmanse actividades para nais e pais e para nenos e nenas, etc. As familias que desexen adherirse ou máis información poden poñerse en contacto co Servizo de Normalización Lingüística desde a nosa páxina web.

Concello de Ponteceso