Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O cómico Pedro Brandariz visitará o xoves 8 a Biblioteca Municipal co contacontos infantil ?A castaña medoñenta?

O novo espectáculo, promovido polo departamento que dirixe Carlos Penedo, dará comezo ás 18.30 horas e será de balde

O programa de dinamización da lectura Ler conta moito rematou, pero na Área de Biblioteca de Ponteceso, que dirixe Carlos Penedo, xa temos todo preparado para seguir acollendo novas actividades e espectáculos infantís que promovan o achegamento de nenos/as e mozos/as aos libros e ás bibliotecas como alternativa de ocio e espazo de encontro infantil e xuvenil.

Como non podía ser doutro xeito, dada a época do ano na que nos atopamos, a nosa seguinte cita lúdica e cultural terá como protagonista unha castaña moi especial e simpática aínda que un pouco temerosa. E ninguén mellor para contarnos o que lle acontece que o cómico, actor e contacontos Pedro Brandariz, gran coñecido xa do público infantil. Será o vindeiro xoves 8, a partir das 18:30 horas, na Biblioteca Municipal.

A castaña medoñenta é a historia dunha castaña moi retranqueira que debe evitar os perigos que a axexan cando chega o outono: os pinchos dos ourizos, os xabarís famentos, as avoiñas e os/as camiñantes come-castañas e ata algunha praga de vermes noxentos.

Se queres gozar dunha tarde de risas e contos, achégate cos teus nenos e nenas a desfrutar dun espectáculo pensado para toda a familia e que che resultará de balde.

Concello de Ponteceso