O festival tamén acollerá exposicións, concursos, obradoiros, charlas e a lectura do Manifesto do Día do Peón, que correrá a cargo do historiador e profesor Luís Giadás
Polo San Martiño, buxainciño baila o peón no camiño! E iso é, exactamente, o que van poder facer este domingo 11 todas as persoas que se acheguen ata o
VII Festipopeóns ou, o que é o mesmo, o Festival Ponteceso Peóns, organizado, un ano máis, polo Museo Etnolúdico de Galicia xunto á Fundación Ricardo Pérez y Verdes e o Concello de Ponteceso.
Pero, ademais de intentar bater o
récord mundial de buxainas bailando a un mesmo tempo, previsto para as 13:15 horas, a xornada na honra de San Martiño deixaranos un feixe de actividades con concursos, exposicións, charlas e a lectura do Manifesto do Día do Peón que este ano recaerá no historiador e profesor do IES de Ponteceso, Luís Giadás.
A primeira proposta da mañá dará comezo ás 11 horas coa inauguración das
exposicións ?O peón nas Belas Artes?, pertencente á colección privada do director do Melga Ricardo Perez y Verdes, e
?Peonzas do mundo?, unha compilación formada por máis de 200 buxainas, entre peonzas, trompos, perinolas e perindolas, procedentes dos cinco continentes que chegarán as coleccionistas Charo Español e Ángeles Lence. Ao mesmo tempo, os/as que prefiran un pouco de acción e emoción a tope, poderán participar nos
concursos de resistencia, precisión e velocidade con buxainas tradicionais, onde os/as asistentes seguro que nos sorprenden cos trucos máis novidosos e orixinais. Así mesmo, tamén haberá
obradoiros de recortables, quebracabezas ou ?tuneados?, para entreter e divertir a nenos/as e maiores.
Manifesto 2018: Luis GiadásNo festival tamén haberá tempo para a historia e a sabedoría popular a través da tradición oral. Na sala de conferencias, Ricardo Pérez e Verdes reunirá a un grupo de maiores do noso concello para poñer en marcha os
II Recordos Lúdicos, unha actividade coa queremos dar voz aos nosos pais/nais e avós/as para que fagan un repaso pola historia do xoguete rememorando as súas propias vivencias cos xogos populares e tradicionais da súa infancia.
Para as 12,45 está prevista unha
lectura colectiva protagonizada por todos os/as asistentes á xornada. O acto consistirá en ler textos diferentes (poesía, adiviñas, contos, artigos ...) sobre unha única temática: o peón.
Ás 13 horas, o historiador e profesor do IES de Ponteceso Luis Giadás será o encargado de protagonizar o acto central do Día do Peón coa
lectura do Manifesto 2018.
A continuación, todos os participantes que o desexen bailarán as súas buxainas ao mesmo tempo co fin de bater o récord mundial, rexistrado en China o 10 de outubro de 2010, con 377 peóns movéndose simultaneamente durante 10 segundos. Atréveste? A cita será ás 13:15 horas.
Ao rematar entregaranse os premios aos gañadores/as dos concursos celebrados ao longo da xornada e agasallos, a modo de recordo, para todos os/as participantes.
Todas as actividades serán de balde a abertas á participación da veciñanza. Máis información e inscricións nos teléfonos 981 715 442 e 981 714 591 ou enviando un mail a: ricardoperezyverdes@gmail.com.
Apúntate xa ao baile da buxaina!