Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O alumnado do IES Eduardo Pondal participará o martes 13 na campaña de divulgación lingüística ?O galego, a miña lingua propia?, promovida pola Deputación da Coruña

A actividade, na que tamén colabora o Servizo de Normalización de Ponteceso, consistirá nun encontro cultural co músico galego Davide Salvado e unha charla para poñer en valor o noso idioma

O alumnado do IES Eduardo Pondal participará o vindeiro martes 13 na campaña de divulgación lingüística O galego, a miña lingua propia, coa a que a Área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña está a percorrer o centros de ensino da provincia para poñer en valor a lingua galega e a socialización dos mozos e mozas no noso idioma. A actividade, na que tamén colabora o Servizo de Normalización de Ponteceso que dirixe Carlos Penedo Casmartiño, consistirá nun encontro cultural co músico galego Davide Salvado, unha das voces máis carismáticas do noso país e experto na procura e recuperación dos sons populares galegos.

?A música tradicional desde e para a contemporaneidade? será o eixo central das dúas sesións que se van a desenvolver ao longo da mañá, nas que o artista realizará un percorrido pola nosa tradición oral cantada para mostrarlle aos mozos e mozas participantes algúns dos nosos ritmos e coplas máis representativas, desde unha perspectiva actual, coa finalidade de que entendan como sería hoxe en día a música tradicional en caso de ter evolucionado con normalidade.

No transcurso da actividade celebrarase unha charla de carácter sociolingüístico orientada a favorecer a vivencia positiva do noso idioma fronte aos tópicos e prexuízos que afectan á súa normalización social co obxectivo de fomentar o seu uso entre a mocidade e propiciar a diversidade lingüística e cultural da nosa propia lingua.

Un músico carismático e comprometido
Davide Salgado é un músico comprometido coa tradición popular e fiel aos sons que aprendeu das mulleres maiores, e que el reinterpreta desde unha óptica contemporánea. No 2003 comezou a súa carreira profesional xunto a Ugia Pedreira (Marful) e o grupo Ecléctica Ensemble. Pouco despois uniu voz e percusión á banda do recoñecido gaiteiro Budiño, coa que xirou por escenarios de medio mundo. A súa versatilidade permitiulle achegarse tamén a xéneros como o cabaret ou o teatro. En 2011, editou o seu primeiro traballo en solitario ?Árnica Pura?, que esgotou en catro edicións. Tres anos máis tarde foi escollido polo xurado internacional para a sección oficial de WOMEX 2014, a feira de world music máis importante do mundo, co que se convertería nunha das grandes descubertas do ano. ?Rústica?, con Cristina Pato, Anxo Pintos e Roberto Comesaña, e Lobos son os últimos traballos da súa discografía.

Concello de Ponteceso