A convocatoria estará aberta do 26 de novembro ao 12 de decembro no departamento de Servizos Sociais
Un ano máis, o Concello de Ponteceso, a través da Concellería de Servizos Sociais, vén de facer publica unha nova convocatoria para a concesión de vales de Nadal dirixidos ás familias en situación de vulnerabilidade social do noso municipio. Deste xeito, o departamento que dirixe Isabel Vuelta González pretende contribuír a aliviar a carga económica extraordinaria, que leva consigo a chegada da época de maior consumo do ano, coa finalidade garantir as necesidades básicas dos veciños e veciñas con menos recursos.
Para poder optar a ditas axudas será imprescindible aportar a seguinte documentación nas oficinas municipais do Concello:
? Impreso de solicitude
? DNI de todos os integrantes da unidade familiar.
? Volante de empadroamento (a solicitar no momento da presentación).
? Certificado de ingresos de todos os membros da unidade familiar (nóminas, certificado de prestación e/ou pensión, etc.).
? Calquera outra documentación obxecto de valoración para acreditara situación de especial vulnerabilidade.
O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto
do luns 26 de novembro ao mércores 12 de decembro, ambos incluídos. Para máis información, os interesados poderán dirixirse ao departamento de Servizos Sociais do Concello de Ponteceso.