Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A Deputación comezará en 2019 as obras de construción da nova ponte de Xabarido, que une Ponteceso e Cabana de Bergantiños

-Valentín González Formoso e Lois García Carballido presentaron aos veciños o proxecto da nova ponte, que contará cunha plataforma de 10 metros e beirarrúas

-As obras, xa adxudicadas, eliminarán un punto negro da rede viaria cun investimento de 558.688 euros e teñen un prazo de execución de 11 meses

-Visitaron tamén a granxa ?A Devesa de Langueirón?, que produce máis de 5 millóns de litros de leite anuais e que González Formoso definiu como ?un exemplo de aposta pola innovación e a eficiencia? no sector primario

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, presentaron esta tarde aos veciños da localidade o proxecto de reconstrución e ampliación da ponte de Xabarido, na estrada provincial DP 1405, que conecta os concellos de Cabana de Bergantiños e Ponteceso sobre o río Anllóns.

As obras, xa adxudicadas, comezarán a principios de 2019 (sempre e cando as condicións meteorolóxicas o permitan), terán un prazo de execución de 11 meses e suporán un importante investimento de 558.688,46 euros.

González Formoso destacou que se trata dunha obras ?necesaria para eliminar un punto negro de tráfico, debido ao estreitamento da estrada que non permite a circulación de dous coches simultaneamente? e que, ao mesmo tempo, ?contribuirán a dar unha solución definitiva aos problemas de fisuras e gretas existentes estrutura?.

Acompañado dos técnicos do departamento de Vías e Obras da institución provincial, González Formoso explicou o plan de obra e sinalou que se trata dun proxecto ?tecnicamente complexo?, pero que a vai a contribuír ?a mellorar notablemente a seguridade vial na zona, tanto para os vehículos como para os peóns?.

Pola súa banda, o alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, manifestou a súa satisfacción e agradeceu ?o compromiso de Valentín e da Deputación para arranxar un problema vial importante para este concello? e ?facer realidade unha obra moi demandada polos veciños?, que servirá para mellorar a seguridade do tráfico e dos viandantes, xa que a nova ponte, ademais de ser máis ancha, contará con beirarrúas.

A nova ponte contará con plataforma de 10 metros e beirarrúa
Segundo explicaron os enxeñeiros do servizO provincial de Vías e Obras, os traballos consistirán na demolición practicamente completa da actual ponte, que conta cun único vano de 19 metros, unha plataforma moi estreita e un deterioro considerable nas zonas de apoio dos estribos, e a súa posterior reconstrución, aumentando o ancho da calzada e a sección hidráulica de desaugadoiro.

A nova ponte contará con dous vanos de 14 e 22 metros e pasará da actual calzada de 6 metros de ancho (que se estreita ata só 3 metros nas zonas de viaducto) a unha plataforma de 10 metros de ancho en todo o traxecto, conformada por dous carrís de circulación de tres metros, beiravías de 0,50 metros e beirarrúa de 1 metro en ambas marxes do vial e un petril metálico de medio metro, o que contribuirá a mellorar notablemente as condicións de seguridade do tráfico rodado e dos peóns que circulen por este punto.

Durante a execución das obras será necesario o desvío do tráfico polo entramado de estradas existentes na zona, para o que se habilitará a correspondente sinalización unha vez que dean comezo as obras.

Visita á granxa ?A Devesa" de Langueirón
Antes desta presentación, González Formoso e García Carballido visitaron a granxa ?A Devesa" de Langueirón, unha explotación xestionada por Xusto Sánchez Varela e a súa familia, que conta con 450 vacas maiores de 2 anos que producen máis de 5,5 millóns de litros de leite anuais. Incluindo as novillas que crían, o total de cabezas de gando aproxímase ás 800. A granxa conta cunha extensión de 200 hectáreas, parte delas dedicadas a terras de cultivo, e da traballo a 13 persoas.

Acompañado por Xusto Sánchez, Valentín González Formoso visitou a explotación, coñeceu as distintas instalacións e as labores que nelas se realizan e conversou co gandeiro sobre a situación actual e os retos de futuro do sector.

O presidente provincial definiu a granxa ?como un exemplo da aposta pola innovación?, pois dende hai dúas décadas está entre as primeiras de España na modernización de diversos procesos, a adaptación ás novas tecnoloxías e aposta por unha maior eficiencia produtiva.

Formoso destacou tamén ?o espírito emprendedor e perfeccionista? de Xusto Sánchez, a quen agradeceu a acollida na visita á explotación.

Concello de Ponteceso