Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O proxecto ?Corme Pinta? decora os muros da localidade e enche as rúas de arte e cultura

A iniciativa, impulsada no verán deste 2020, nace co propósito de dinamizar a vida sociocultural da vila

O proxecto ?Corme Pinta? xa decora o primeiro muro da vila. Esta iniciativa, nacida no verán deste ano 2020, ten como obxectivo fundamental unir arte e cultura, contribuído humildemente a dinamizar a vida sociocultural no municipio da Costa da Morte. A vontade do proxecto é dar valor ao entorno e recuperar a tradición rural e mariñeira, que precisan ser coñecidas e compartidas entre xeracións.
Este proxecto artístico e cultural tivo como punto de partida a creación de cinco murais no Xardín, no muro do edificio da antiga salazón, onde residían murais pintados máis de vinte anos atrás. Os motivos das novas pintadas pretenden plasmar a beleza da vila de Corme, con elementos que a caracterizan de forma indiscutible: o petróglifo da Pedra da Serpe, a praia da Hermida coa Illa da Estrela, a vista de Corme desde a furna do Osmo, o porto e o Cabo Roncudo.
Para a creación deste mural, de aproximadamente 35 metros de largo e 3,20 metros de alto, previamente revocouse e branqueouse o bloque de formigón que constitúe a parede e pasóuselle unha imprimación, para que o muro non absorba a pintura e poida ter durabilidade.
A idea de partida do proxecto era contar con artistas nacidos ou residentes en Corme, tales como o artista plástico Borja Puñal Castro, a fotógrafa e debuxante Sol Mariño, ?Chucho?, acuarelista e debuxante que participou na pintada dos murais fai 20 anos, ou o xoven Aaron, de doce anos, presente e futuro do mundo artístico na vila .
A creación deste novo mural constitúe só o comezo dunha serie de intervencións para a revalorización de Corme. De cara a futuros proxectos, os impulsores decláranse ?abertos a novos muralistas que queiran participar?. Pódese seguir o avance da iniciativa a través da páxina de Facebook ?Corme pinta?.

Concello de Ponteceso