Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

Boa aceptación por parte dos habitantes de Ponteceso do novo sistema de reciclaxe e recollida de residuos urbanos especiais

Durante o 2020 recolléronse 14.610 quilos de aceite usado e informouse sobre os novos residuos especiais en domicilios particulares e comercios

O sistema de recollida e reciclaxe de residuos urbanos especiais implantado no concello de Ponteceso o pasado mes de setembro tivo unha boa aceptación por parte dos habitantes do municipio, segundo os datos aportados pola empresa encargada de realizar esta recollida.
Con respecto ao aceite de cociña usado, que xa se viña recollendo con anterioridade, este ano 2020 recolléronse e recicláronse un total de 14.610 quilos, que serían aproximadamente 16.232 litros de aceite.
En canto á implantación da nova recollida de residuos urbanos especiais, os habitantes de Ponteceso manifestaron un gran interese. Repartíronse aproximadamente 3.200 dípticos, e as charlas informativas e a entrega destes dípticos realizáronse tanto en domicilios particulares como en comercios.
Cabe destacar a gran aceptación deste novo sistema por parte dos cidadáns e cidadás, con gran interese na reciclaxe. Este sistema foi implantado como un método para resolver as dúbidas dos habitantes do concello sobre como separar certos residuos, onde depositalos ou con quen contactar para que os recollesen.
No mes de setembro, o concello poñía en marcha a recollida e reciclaxe destes residuos, que polas súas características precisan dun tratamento especial á hora de someterse ao proceso de reciclaxe. Estes residuos son fundamentalmente aceites de cociña, graxas e mantecas, pilas e baterías, bombillas, electrodomésticos e electrónicos pequenos do fogar, consumibles de impresoras, residuos téxtiles e roupa, e restos metálicos pequenos do fogar.
Todos os residuos recollidos transportáronse á planta de reciclaxe Collecting Oil, no parque industrial de Bértoa, onde cada residuo foi sometido a un proceso de reciclaxe individual segundo as súas características.

Concello de Ponteceso