Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

O Plan de Emprego Local oferta seis prazas para formación en socorrismo para desempregados de Ponteceso maiores de 18 anos

Como parte do Plan de Emprego Local, a Deputación Provincial da Coruña impartirá proximamente os certificados de profesionalidade de Socorrismo en Espazos Acuáticos Naturais (con 340 horas de formación teórica e 80 de práctica) e de Socorrismo en Instalacións acuáticas (con 130 horas de formación teórica e 80 de práctica), que forman parte do Programa de Salvamento de Socorrismo Acuático.

A formación teórico- práctica realizarase no Centro de Formación de Cruz Vermella na cidade da Coruña e as prácticas profesionais non laborais, en praias de concellos da provincia.
Primeiro desenvolverase a formación en espazos naturais, con data de inicio prevista para mediados de febreiro, e logo da tempada de praias, previsiblemente a finais de setembro, desenvolverase a formación en instalacións acuáticas. A inscrición realizarase nunha única solicitude para participar nas dúas accións formativas, obtendo así a dobre titulación.

O número de prazas dispoñibles para o concello de Ponteceso é de 6, polo que, en caso de que haxa un elevado número de inscricións, será necesario realizar probas físicas. As persoas candidatas deberán estar inscritas na Oficina de Emprego correspondente e coa tarxeta de demandante de emprego vixente á data do prazo de inscrición, ter cumpridos os 18 anos e estar empadroadas nalgún concello da provincia da Coruña.

Ademais, os aspirantes deberán estar en posesión dos títulos ou certificados precisos para cursar a formación correspondente ao certificado de profesionalidade, nivel 2, e carecer de afeccións crónicas e enfermidades infecto-contaxiosas.

O prazo de inscrición será ata o próximo venres 5 de febreiro, ás 14:00 horas. As inscricións deben enviarse por correo electrónico a pel@dacoruna.gal, adxuntando o formulario de candidatura e un certificado ou informe de saúde recente, emitido, asinado e selado por facultativo, con data non anterior ao 11 de xaneiro de 2021, sobre o cumprimento das capacidades físico-psíquicas para o desenvolvemento da actividade profesional de salvamento e socorrismo acuático.

Concello de Ponteceso