Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A Deputación programa investimentos de 3 millóns en melloras viarias en Ponteceso en 2023

Valentín González Formoso reuniuse co alcalde, Lois García Carballido, para analizar a situación dos proxectos pendentes no municipio

A Deputación completou as expropiacións das sendas de Lestimoño por importe de 112.000 euros

A ponte de Xabarido e o aparcamento de Balarés, en trámite para comezar a execución en 2023

Así llo comunicou o presidente Valentín González Formoso ao alcalde de Ponteceso, Lois García Carballido, durante a reunión de traballo que mantiveron na sede da institución provincial para analizar a situación de distintos proxectos pendentes no municipio. Na reunión participou tamén o portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández.

O primeiro proxecto que terá luz verde de forma inminente é o da construción das sendas de Lestimoño, na estrada provincial DP 4307. A Deputación rematou o pasado xoves o proceso de pago dos depósitos previos correspondentes ás expropiacións dos terreos necesarios para acometer as obras, por importe de 112.000 euros, segundo informou o presidente, que detallou que unha vez actualizado o prezo, será aprobada no pleno de marzo.
"Como temos que facer o proceso de revisión de prezos do proxecto, imos proceder a incluír neste o saneamento e abastecemento. A nosa idea, co apoio do pleno municipal, é aprobar unha encomenda de xestión para que a Deputación execute simultaneamente toda a obra, tanto a construción das sendas e a ampliación da estrada coma a renovación da rede de saneamento e abastecemento de auga, o que ascenderá a uns 950.000 euros", explicou García Carballido.
A obra permitirá ampliar a estrada, dotándoa de dous carrís de 3 metros de ancho e beiravías de 30 cm na marxe esquerda e 50 cm na marxe dereita. Para mellorar a seguridade do tránsito peonil construiranse beirarrúas de 2 metros de ancho na marxe esquerda e de 1,80 metros na dereita no tramo de un quilómetro que vai do pq 10+820 ao 11+820.
Proxéctanse tamén zonas de aparcamento de 2 metros de ancho en distintos puntos ao longo do vial, así como pavimentación, sinalización e mellora do sistema de drenaxe da estrada.
Outra das obras programadas para este ano é a execución da nova ponte de Xabarido, que conecta Ponteceso e Cabana, unha obra tecnicamente complexa, pero imprescindible para garantir a seguridade viaria neste punto estreito da DP 1405, que actualmente non permite que se crucen dous coches. O investimento previsto para esta obra é de 1,6 millóns de euros.
Está próxima tamén a licitación do aparcamento de Balarés, que suporá un investimento de arredor de 400.000 euros. "O Concello de Ponteceso está ultimando os detalles para conceder a licenza municipal á obra e que a Deputación poda licitala", explicou o alcalde.
O novo aparcadoiro estará situado nunha parcela de 34.000 metros cadrados, adquirida previamente pola Deputación cun orzamento de 82.000 euros.
A obra de construción do aparcadoiro consistirá nunha intervención branda, perfectamente integrada no entorno ambiental da zona, nun espazo parcelario sen afeccións ambientais para o proxecto que se pretende levar a cabo, creando 300 prazas e eliminando o tráfico rodado na vía de entrada á praia.
Unha intervención que se completará no futuro coa construción dunha senda peonil entre este e a área de lecer de Balarés, que discorrerá pola marxe do vial municipal que dá entrada ás vivendas existentes na zona, garantindo así a seguridade e comodidade tanto dos veciños coma das numerosas persoas que visitan a praia e a área de lecer, especialmente durante o verán e que estaban ocasionando problemas de tráfico, de aparcamento e de seguridade.

Concello de Ponteceso