ponteceso turismo

Persoeiros :: Susa da chasca


A parteira de Corme


Susa da chasca, na imaxe

Mamá Susa, como a chamaban as nenas e nenos de Corme, foi a única parteira que se recorda na historia do pobo. Naceu en 1882. Con 26 anos (en 1908), o seu home marchou para América para non volver, e ela quedou cun fillo de 6 meses no colo. Enfermou, e tivo que ir a Santiago, ó hospital. Alí estivo uns dous anos, primeiro como enferma e logo como enfermeira, aprendendo a atender partos. Cando volve a Corme, arredor do ano 1910, empeza a traballar de parteira, asistindo tamén a xente enferma doutras doenzas.

A xente de Corme acórdaa como unha muller moi alegre e cariñosa, moi competente no seu oficio, capaz de cantar e bailar para animar a unha muller nun parto. Gustáballe que os nenos e nenas a chamaran Mamá Susa, pois dicía que, en certo modo, era a nai de todos e todas pois os vira nacer. As daquela nenas acórdana con moito cariño, pois sempre tiña unha aperta, un bico ou un conto para cada unha. Susa da Chasca tamén se dedicaba a redistribuír a pouca riqueza que había en Corme. Preocupábase polas mulleres que non tiñan “con que acender lume”. Cando unha muller sen recursos daba a luz, amais de non cobrar polos seus servizos, buscaba en casa doutra que tivera algo de comida para aquela que non tiña (un pouco de fariña, fabas, chocolate,...)

Tía Susa desempeñou un importante papel na nosa vila na primeira metade do século XX , cando a atención médica non era o que é hoxe Exerceu a súa profesión de parteira ata os anos 60, máis ou menos ata cando chegou D. Manuel, o primeiro médico da Seguridade Social que houbo en Corme. Morreu en 1970, con 88 anos. Está soterrada na Coruña, no cemiterio de San Amaro.

Igual que tía Susa, en Corme houbo moitas heroínas anónimas, mulleres que quedaron soas e houberon de sacar adiante ás súas familias da mellor maneira que souberon nos tempos da fame e a escaseza. Vaia pois esta biografía da Mamá Susa coma homenaxe a todas elas.


© by Abertal