O alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, asinou, esta mañá, un convenio de colaboración coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e coa directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, para a execución dunha senda peonil en Pazos. Trátase dunha intervención que o rexedor cualifica como "esencial para seguir reforzando a seguridade viaria na zona".
O acordo materializarase na construción dunha senda peonil na estrada AC-419, no treito que vai desde o punto quilométrico 2+990 ata o 3+350. Ademais da senda, habilitarase unha zona de aparcamento, dous pasos de peóns e reforzarase a sinalización existente. Segundo a previsión do organismo autonómico, que asumirá a licitación do contrato, as obras comezarían en setembro e poderían estar finalizadas a principios do 2026.
As actuacións en Pazos están encadradas dentro do Plan Hurbe, e levaranse a cabo cun investimento próximo aos 400.000 euros (397.250 euros). Da contía total, o organismo autonómico achegará o 70%, isto é, 278.074 euros. A cantidade restante, 119.174 euros, procederá das arcas municipais.
O primeiro edil agradeceu a predisposición da conselleira, da directora xeral de Urbanismo e de todo o persoal técnico, que amosaron a súa "completa colaboración para facer realidade esta demanda". O alcalde avanza que, proximamente, manterá un novo encontro coa conselleira na que se "porán enriba da mesa e se valorarán outros proxectos que consideramos importantes para continuar mellorando os servizos e infraestruturas da veciñanza".