O goberno local continúa reafirmando a súa aposta por impulsar a economía local. Trátase dun compromiso que o Concello materializará desde hoxe, luns 26 de maio, coa súa campaña de comercio. O alcalde, José Manuel Mato, presentou a iniciativa xunto a varios representantes dos negocios adheridos, aos que lles agradeceu a súa “implicación e esforzo”. O programa conta cun total de 96 establecementos participantes de todo o municipio e, ao longo da iniciativa, repartiranse máis de 7.000 euros en premios e agasallos á clientela.

A partir de hoxe, a clientela que se achegue polos negocios recibirá xa o seu pasaporte, un documento que deberá cubrir con seis selos de seis negocios diferentes, obtendo un destes distintivos por cada compra superior a 5 euros. Unha vez cuberto, as persoas participantes deberán levalo á Caseta de Información Turística de Ponteceso e trocalo por un agasallo directo (ata fin de existencias): unha bolsa ou unha lámina cunha das catro Fadas de Pondal ilustradas polo artista Leandro Lamas. Así mesmo, cada pasaporte corresponderase cunha participación no gran sorteo.
O Concello despedirá a proposta a fin de semana do 7 e 8 de xuño. Farao ofrecendo, iso si, un completo programa de actividades entre as que se inclúen: tren turístico (sábado, 7 de xuño, de 11.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.30 horas e domingo, día 8 de 11.00 a 14.00 horas), xogos inchables e animación infantil no Campo da Feira (sábado, de 16.30 a 20.30 horas, e domingo de 11.00 a 14.00 horas) e varias actuacións musicais. O día 8 levarase a cabo o gran sorteo, no que se outorgarán 32 galardóns: un lingote de ouro valorado nuns 1.500 euros, un premio de 1.500 euros para gastar nun só día a elixir polo premiado (entre o 9 e o 15 de xuño) e outros 30 de 150 euros que deberán consumirse entre o 9 de xuño e o 9 de xullo (ambos incluídos).
Durante a súa intervención, o rexedor puxo en valor o papel do tecido comercial, que “dá vida ao noso municipio”. Mato animou á veciñanza a participar na campaña e “a facer as súas compras nos establecementos locais, que teñen todo o que podemos precisar”.
As persoas interesadas poderán consultar a relación de negocios participantes a través da páxina https://comercio.ponteceso.gal/.
Ligazóns recomendadas