O pavillón municipal de Ponteceso acolleu o 2 de maio a celebración da I Festa do Maior, unha xornada promovida polo Concello coa finalidade de fomentar a convivencia e render homenaxe ás persoas maiores do municipio. A cita reuniu máis de 850 persoas nun encontro marcado polo bo ambiente, a música e o recoñecemento á traxectoria das xeracións que contribuíron ao desenvolvemento de Ponteceso.
A festa estivo dirixida ás persoas de 65 anos ou máis, converténdose nun espazo de encontro para veciños e veciñas de todas as parroquias do municipio. Ademais das persoas participantes, tamén colaboraron voluntarios, persoal de emerxencias e representantes institucionais.
Durante a xornada serviuse un xantar no que non faltaron pratos tradicionais como a empanada, o polbo e a carne ao caldeiro. A celebración estivo amenizada pola actuación do grupo “O Tren da Unha”, banda de Laxe que puxo música e ambiente a unha tarde de celebración que se prolongou durante varias horas.
O Concello impulsou esta primeira edición coa intención de converter a Festa do Maior nunha cita anual. Tal e como xa indicara o alcalde, José Manuel Mato, no momento da presentación da iniciativa, o obxectivo é trasladar “o respecto e o agradecemento” ás persoas maiores do municipio, recoñecendo o seu esforzo, experiencia e legado.
Desde o goberno local destacouse tamén o valor social deste tipo de encontros, pensados para compartir tempo en comunidade e reforzar os vínculos entre veciños e veciñas.
As persoas asistentes xa poden buscarse nas fotografías da xornada a través da seguinte ligazón:
https://drive.google.com/drive/folders/1pnw5F2ZFxwC_oXY_ATjlSldWlZbSj-Dw?usp=sharing