As propostas levaranse a cabo durante o mes de agosto e incluirán xornadas de observación, unha charla do divulgador científico Jorge Mira e a inauguración dunha exposición fotográfica. O mércores, 12 de agosto, habilitarase un punto de observación da eclipse no Faro Roncudo, un “punto de observación ideal para ver este fenómeno”, tal e como o cualifica o alcalde, José Manuel Mato.
Galicia, en xeral, e Ponteceso, en particular, vivirán o mércores, 12 de agosto, un acontecemento astronómico excepcional: unha eclipse solar total. Un fito que o Concello empregará como fío condutor dunha completa programación de actividades que se desenvolverá ao longo do mes de agosto.
A programación, impulsada pola Concellería de Cultura, inclúe diferentes propostas de carácter divulgativo e cultural co obxectivo de achegar este fenómeno á veciñanza e ás numerosas persoas que visitarán o municipio durante esas datas. A concelleira de Cultura, Raquel Fondo, destacou que se quixo “aproveitar un acontecemento tan excepcional para deseñar unha programación que vaia máis alá do propio día da eclipse, combinando a divulgación científica, a observación e a cultura e facendo partícipe a toda a veciñanza”.
Pola súa banda, o alcalde, José Manuel Mato, destacou que o municipio conta cun dos mellores emprazamentos para seguir este acontecemento: “O Faro Roncudo é un punto de observación ideal para ver este fenómeno e, por iso, quixemos dar un paso máis e ofrecer unha programación pensada para que poidan desfrutala tanto a veciñanza como os centos de persoas que nos visitarán durante esas datas”, sinalou.
O calendario de iniciativas arrincará o luns, 10 de agosto, cunha xornada guiada de observación solar con telescopio e prismáticos no Faro Roncudo, que se desenvolverá entre as 19.30 e as 20.30 horas.
Ao día seguinte, martes 11 de agosto, o Museo de Corme acollerá, de 12.00 a 13.00 horas, unha charla sobre a eclipse a cargo do físico, científico e divulgador Jorge Mira.
O propio día da eclipse, mércores 12 de agosto, a partir das 19.00 horas, habilitarase un punto de observación no Faro Roncudo. Prevese que o fenómeno teña unha duración aproximada de dúas horas e que o momento de máximo esplendor se produza ás 20.28 horas.
Co fin de garantir unha observación segura, o Concello repartirá gratuitamente gafas homologadas para a observación solar. As persoas interesadas poderán reservalas na Casa do Concello ata esgotar existencias.
O programa completarase ao día seguinte, xoves 13 de agosto, coa inauguración dunha mostra fotográfica do fotógrafo Drew Korme no Museo de Corme. A exposición abrirá ao público ese mesmo día e poderá visitarse nas instalacións do museo ata o 30 de agosto.
Desde a Concellería de Cultura animan á veciñanza e ás persoas visitantes a participar nas diferentes propostas e a desfrutar en Ponteceso dun acontecemento astronómico excepcional a través dunha programación que une ciencia, divulgación e cultura.