Concello de Ponteceso Diputación da Coruña

CONCELLO DE PONTECESO

RSS

Concello :: Novas

A Concellaría de Turismo organiza para o 10 de novembro en Corme un magosto popular no que, ademais de castañas, haberá música e xogos populares

O Concello de Ponteceso tamén colabora na festa infantil de Samaín que celebrará o día 31 a Asociación de Empresarios

A festa non para, e despois da multitudinaria Feira das Fabas en Ponteceso xa temos nova cita gastronómica á vista. Desta volta será en Corme, organizada pola Concellaría de Turismo, e consistirá na celebración dun magosto ao que poderán sumarse todos os veciños e veciñas que queiran degustar un dos produtos estrela do outono.

O departamento que dirixe Susana Toja ten preparada unha xornada de moita actividade que se desenvolverá de 18.00 a 21.00 horas na Praza do Pan. Haberá animación musical, máis de 30 xogos tradicionais para nenos e maiores e, por suposto, castañas asadas para todo o mundo.

Samaín
Coa finalidade de contribuír á conservación e á difusión das nosas tradicións, desde o Concello de Ponteceso tamén colaboramos con diversas entidades na organización de festas típicas desta época do ano, entre elas o Samaín que ten programado para o día 31 a Asociación de Empresarios de Ponteceso, Cabana e Laxe.

O Campo da Feira da Trabe converterase nun gran espazo de ocio e diversión onde os peques da casa pasarano de medo entre xogos, obradoiros, disfraces e concursos. De 18.00 a 21.00 horas haberá un feixe de actividades para todos os gustos e idades coas que os participantes non poderán non deixar de rir e pasalo ben nin un segundo. Inchables, talleres pinta-caras, obradoiros con globos e un concurso de disfraces, previsto para as 20 h, son algunhas das propostas máis atractivas para o público miúdo.

Ademais de premiarse a orixinalidade dos disfraces, con premios aos tres primeiros clasificados/as, todos os e as participantes ao evento recibirán un agasallo a modo de recordo. A entrada será libre e de balde. Así que, xa sabes, se tes nenos/as, anota na axenda a cita co Samaín de Ponteceso. Van tremer de risa!

Concello de Ponteceso